Nun de cada dez concellos galegos naceu unha ou ningunha crianza

“A situación é dramática e o escenario tende a empeorar”, afirma Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica da USC, que lamenta a falla de compromiso e políticas para reverter a situación por parte do goberno galego. Lois contrapón a ese desleixo a actitude doutros países que si que están a apostar niso.

En 7 concellos de Galiza non naceu ningunha crianza en 2016 e en 20 naceu só unha. Estes 27 municipios representan 9% dos existentes no país, polo que pode dicirse que un de cada dez están nesa preocupante situación. Muras, San Amaro, Teixeira, Pontedeva, Ribeira de Piquín, Ribas de Sil e Vilariño de Conso son, segundo os datos do Instituto galego de estatística (IGE) os concellos onde non houbo ningún novo nacemento nese ano.

 

“A situación é dramática”, opina Rubén Lois, catedrático de Análise Xeográfica da Universidade de Santiago de Compostela. “E o escenario tende a empeorar”, engade. “Non se fixo nada para que a poboación galega se estabilizase”, denuncia. Nin políticas demgráficas, nin económicas nin liñas para captar poboación.

 

Para o catedrático, a situación é de “emerxencia nacional” e o goberno da Xunta non se preocupa de adoptar as políticas acaídas e necesarias para revertelo

 

Hai máis dun cuarto de século que en Galiza non temos un saldo vexetativo positivo, isto é, que hai máis nacementos que defuncións. O 2016 seguiu o mesmo camiño que os 25 anos anteriores e o número de nacementos en Galiza ficou moi por baixo do de mortes. Foron 18.952 fronte a 31.473, o que deixa un claro saldo negativo, -12.521. Peor dado incluso que o de 2015, cando o saldo fora de menos 12.057. Outro rexisto máis para acrecentar ao preocupante récord de Galiza no que atinxe á poboación: cada vez menos e máis avellentada. Só 15 dos 314 concellos galegos apresentan máis nacementos que defuncións. 

 

Rubén Lois mesmo cre que neste devalar poboacional e avellentamento hai unha certa “intencionalidade política”. Para el, o Partido Popular ten interese nun “país de persoas vellas”, pois é o seu caladoiro electoral. 

 

“Emerxencia nacional”

 

Para o catedrático, a situación é de “emerxencia nacional” e o goberno da Xunta non se preocupa de adoptar as políticas acaídas e necesarias para revertelo. O que si fixeron noutros países. Fala así, por exemplo, da política de captar poboación para o rural impulsada polo goberno escocés. Ou das políticas que en Francia e Suecia permitiron que a taxa  de reemprazo de fillos por muller en idade fértil sexa de 1,8, moi superior á galega (0,9, das máis baixas do mundo).

 

Hai máis dun cuarto de século que en Galiza non temos un saldo vexetativo positivo, isto é, que hai máis nacementos que defuncións

 

Para reverter a sangría demográfica que Galiza padece desde hai anos, Rubén Lois considera que hai catro pasos fundamentais a dar: o primeiro, reconstruír as bases do estado de benestar, garantindo servizos e prestacións que favorezan asentar poboación e a natalidade. Ademais, aponta, políticas específicas para as áreas rurais, pulando polo traballo para xente moza “e cun plus de aposta na poboación feminina”.

 

A estratexia debería completarse cun plan para o retorno das vagas de galegos que emigraron nestes últimos anos, así como con políticas que favorezan a chegada de determinados continxentes de  inmigrantes, “os novos galegos”, aponta.