O número de persoas inmunizadas fronte ao coronavirus na Galiza é de apenas 30.000

(Europa Press) Test rápido a un residente la Residencia de Mayores Sierra Mágina 16/4/2020

17.000 mulleres e 13.000 homes. Sanidade ve "evidente" o risco de rebrote no verán pola afluencia de turistas e vistantes. 

O estudo de seroprevalencia do Sergas ratifica que o coronavirus COVID-19 circulou pouco por Galiza, cunha prevalencia do 1,15 por cento, con Ourense como a provincia con maior porcentaxe, 1,88%, e A Coruña co menor, 1,07%.

Así, a Consellería de Sanidade estima que "30.000 galegos están inmunizados", deles 17.000 mulleres e 13.000 homes.

Foron dados expostos na rolda de prensa telemática de presentación do 'Estudo de seroprevalencia fronte ao COVID-19 en Galiza' polos directores xerais de Saúde Pública, Andrés Paz-Ares Rodríguez; de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, e o subdirector xeral de Epidemioloxía, Xurxo Hervada.

Expertos que tamén manifestaron que ven "evidente" a posibilidade de que se produza un rebrote de casos de Covid-19 na Galiza ante a chegada no verán de turistas e visitantes procedentes de terrotorios con maior incidencia do virus.

Por idades

En concreto, apuntaron que a prevalencia do virus entre a poboación galega aumenta conforme se incrementa a idade, polo que sitúa en 0,56% entre os galegos de 0 a 18 anos; sobe a 1,09% entre os 19 e 64 anos e aumenta a 1,64% entre o colectivo maior de 65 anos.

Por áreas sanitarias, a de maior prevalencia é a de Ourense, con 1,88%; seguida da de Vigo, 1,64% e as de Pontevedra e Santiago, con máis de 1%; mentres que a da Coruña sitúase como a de menor.

En canto aos concellos de máis de 50.000 habitantes, Vigo sobresae cun 2,08% de prevalencia, que xustifican na densidade de poboación e na cantidade de persoas que acoden a traballar; seguida de Ourense (1,8%), Pontevedra (1,24%) e Santiago (1,1%), coa Coruña, Lugo e Ferrol á cola, con menos de un por cento.

Por comarcas, a do Barco de Valdeorras sitúase á cabeza, como "única que supera o tres puntos de prevalencia", afirmou Paz-Ares.

A Costa da Morte e a Montaña de Lugo son, xunto coa  Mariña Central, Betanzos e a ría de Muros e Noia, as comarcas donde menos circulou o coronavirus.

Os test da primeira vaga do estudo galego de seroprevalencia, iniciado o 23 de abril, concluíron o pasado 8 de maio para analizar a circulación do virus SARS-Cov2 na Galiza, na que o Sergas contactou cunha mostra 50.925 participantes na mostra. E o Sergas asegurou que a segunda vaga prevista farase "cando toque".