Medra a presión hospitalaria pola Covid, con máis dun centenar de persoas ingresasdas

Unha persoa con Covid-19 recupérase nunha Unidade de Coidados Intensivos. (Foto: Glòria Sánchez / Europa Press)
Os contaxios pola Covid volven superar un día máis o medio millar mentres aumenta a presión hospitalaria.

Os casos activos de coronavirus na Galiza continúan á alza e alcanzan as 4.779 infeccións ─383 máis nas últimas 24 horas─, mentres que os contaxios volven superar o medio milleiro, 514 ─59 menos─. A presión hospitalaria tamén se incrementa até as 114 hospitalizadas ─dez máis─, así como a taxa de positividade, que marca un 6,98%.

Segundo os datos publicados na mañá deste domingo pola Consellería de Sanidade con rexistros até as 18 horas deste sábado, aumentan a 21 os pacientes ingresados en UCI pola covid na Galiza ─seis máis─, e a 93 os hospitalizados noutras unidades ─catro máis─.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta en seis das sete, e só se estanca na de Lugo. Así, a de Pontevedra e O Salnés continúa un paciente covid en UCI, pero aumentan até os 12 (dous máis) os hospitalizados noutras unidades; e a de Ferrol conta con dous ingresados en críticos (un máis), pero continúa con 10 pacientes en planta, sen cambios.

Pola súa banda, a carga asistencial aumenta lixeiramente na área de Ourense, que rexistra 27 pacientes en planta (dúas máis), aínda que mantén a tres en críticos (sen cambios), e na da Coruña, onde non se notifican cambios en UCI, con catro pacientes, pero onde aumentan os hospitalizados en unidades convencionais até o 16 (un máis).

A presión hospitalaria increméntase tamén na de Santiago, con cinco hospitalizados en unidades convencionais (un máis) e catro en críticos (un máis). O maior incremento en hospitalizados en UCI rexístrao a área de Vigo, onde hai seis pacientes en críticos (catro máis), aínda que 20 en unidades convencionais (dúas menos).

Por último, o distrito lucense é o único que non rexistra cambios, e continúa con tres ingresados en unidades convencionais e un en UCI.

Camiño das 5.000 infeccións

Galicia continúa por encima dos 4.000 casos activos de Covid após rexistrar un novo ascenso por vixésimo oitava xornada consecutiva até os 4.779, que constitúen 383 máis, ao haber máis contagios (514) que altas (131).

As infeccións activas ascenden de novo no sete áreas sanitarias galegas, coa de Ourense á cabeza (+129), seguida pola de Vigo (+123), Pontevedra e O Salnés (+40), A Coruña-Cee (+38), Ferrol (+23), Santiago e Barbanza (+17) e Lugo (+13).

Deste xeito, con máis casos colócase a de Vigo, con 1.325; seguida da de Ourense, con 1.263; A Coruña e Cee, con 674; Lugo, con 448; Santiago e Barbanza, con 402; Pontevedra e O Salnés, con 420; e á cola continúa a de Ferrol, con 247.

Segundo os últimos datos actualizados na tarde deste pasado xoves polo Ministerio de Sanidade, Galiza conta cunha taxa a 14 días de 148,12 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media de España ascende a 171,68.