O número de nacementos na Galiza reduciuse en 36% desde o ano 2008

A natalidade na Galiza leva 13 anos en caída, ficando, xunto a Asturias, á cola do Estado (Foto: Nós Diario).
A natalidade sitúase en mínimos históricos desde que hai rexistros.

A Galiza sitúase á cola do Estado en taxa de natalidade, só por diante de Asturias, e é unha das comunidades que máis decreceron no número de nacementos por ano entre 2017 e 2021, último exercicio completo do que se dispón información demográfica. Así figura no informe que a escola económica catalá TBS Education fixo público esta segunda feira . 

Segundo datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), a media estatal de número de nacementos decreceu 14% nos últimos anos, cun número de nacementos por ano de 20.000. Porén, na Galiza obsérvase unha redución maior, de 20%, e o número de nacenzas anuais ronda os 15.000. 

De ter en conta a taxa de natalidade ou, o que é o mesmo, o número de nacementos nun ano por cada mil habitantes, esta sitúase por baixo de 10% en todas as comunidades e, concretamente, no caso galego, a taxa é 20% menor (en 5,49), polo que se coloca entre as comunidades autónomas con maior decrecemento na taxa de natalidade.

En referencia á natalidade, isto é, o número proporcional de nacementos nunha poboación e un tempo determinados, todas as comunidades autónomas decreceron en número de nacementos entre 2017 e 2021 a unha porcentaxe maior a 10%. 

Excepcionalmente, as dúas comunidades que decreceron lixeiramente menos son Murcia (-9%) e Balears (-8%). Mentres, Cantabria, Asturias e Galiza foron os territorios que máis decreceron no número de nacementos por ano de 2017 a 2021, cunha diferenza porcentual de 20%. Andalucía, Catalunya e Madrid son as comunidades autónomas con maior número de nacementos entre 2017 e 2021, máis de 50.000 nacementos por ano. Con este número, superan a media española, que varía arredor dos 20.000 nacementos por ano. Superan tamén a media estatal, en menor medida, o País Valencià, A Rioxa e Cantabria.

A Galiza, última da UE

A taxa de natalidade galega (5,49) está por baixo da media da Unión Europea (9,3) e por baixo incluso da do Estado español (7,6), o cal se atopa no penúltimo posto da UE, só por diante de Italia (7,1). A Galiza sitúase moi lonxe de Irlanda, que lidera a natalidade europea cunha taxa de 12 nacementos por cada mil habitantes. Desta maneira, segundo os datos publicados esta segunda feira por TBS Education, Galiza sería o estado da Unión Europea coa taxa de natalidade máis baixa.

Trece anos en caída

Os datos recollidos polo INE sinalan que a taxa de natalidade galega leva un total de 13 anos en caída. Se ben en 2008 a taxa de natalidade da Galiza era de 8,40 nacementos por mil habitantes, os últimos datos recollidos  polo INE, para o ano 2021, indican unha taxa de natalidade de 5,50 nacementos por cada mil habitantes.

Igualmente, o número de nacementos descende desde 2008, ano con 23.175 nacementos (e cifra máxima de nacementos dos últimos 30 anos), fronte aos 14.787 rexistrados en 2021. Isto é, a Galiza sufriu en trece anos unha redución de 36% no número de nacementos por ano.  É máis, a cifra de nacementos de 2021 é a cifra máis baixa desde que o INE ten datos rexistrados, o ano 1975.

A máis mulleres traballadoras, menor taxa de natalidade

Aínda que a evolución demográfica é un fenómeno complexo, afectado por factores de tipo cultural, económico e social, segundo un traballo realizado en 2019 pola investigadora Cristina Cavero da Universidade de Comillas (Cantabria), a variábel máis significativa na redución da taxa de natalidade é a incorporación das mulleres ao mundo laboral. Datos no INE sinalan que existe unha alta correlación entre o número de mulleres que traballan no Estado español e a taxa de natalidade.

Aínda que a correlación non implica necesariamente causalidade,  a análise dos datos resulta nun índice de correlación de -0,74 puntos de 2017 a 2021, o que significa que mentres aumenta o número de mulleres ocupadas, baixa a taxa de natalidade, un descenso moito máis acusado no caso da Galiza.