O numero de persoas maiores infectadas en residencias baixa das 200

O número de persoas infectadas nas residencias de maiores baixa dos 200.

Redúcese a incidencia da Covid-19 nos centros asistenciais grazas as 59 altas na residencia dos Gozos, en Pereiro de Aguiar, e outro na DomusVi Coruña de Oleiros.

As persoas usuarias de residencias de maiores da Galiza infectadas pola COVID-19 caeron este sábado de forma significativa por baixo das 200, en concreto a até 196, tras rexistrar a alta de 59 persoas afectadas da residencia dos Gozos, en Pereiro de Aguiar, e outro da DomusVi Coruña, en Oleiros.

Por outra banda, detectáronse 18 novos contaxios entre os usuarios da residencia de Salvaterra do Miño, que xa acumula 43 afectados e convértese na segunda con máis positivos en Galicia; e catro na residencia Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia.

Deste xeito, a residencia Os Gozos, de Pereiro de Aguiar, continúa como o principal foco de coronavirus nos centros de maiores galegos, aínda que a cifra de afectadas baixa do centenar, a 91. En segundo lugar está a residencia de Salvaterra do Miño, con 43 positivos.

Con 17 contaxios figura a residencia Ballesol de Oleiros, mentres que con 13 mantense a DomusVi Lugo, de Outeiro de Rei. A residencia de Viana do Bolo e Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia contan con seis casos cada unha entre as súas usuarias.

Así mesmo, permanecen cinco anciáns con PCR positiva na residencia Val de Monterrrei, catro en Nosa Señora do Viso e tres en San José Hermanitas de Narón. Tanto a vivenda comunitaria Pepe Isa II de Entrimo como a Virxe Branca de Ourense teñen dous casos cada unha e permanece un usuario afectado na Torrente Ballester da Coruña, a residencia Bibres, en Cambre, a DomusVi Coruña e Las Salinas, de Ourense.

Persoal laboral

En canto aos traballadores, o total de infectados subiu esta sexta feira até os 138 após detectarse novos positivos na residencia Soremay de Pontevedra, Galisenior de Ourense, Os Milagres de Barbadás, San Rafael de Mondoñedo, DomusVi La Ciudad na Coruña, Nosa Señora dos Anxos de Ribadavia, Fogar do Maior de Vedra, Residencia Laraxe en Cabanas, residencia de Burela e vivenda comunitaria Entrelimoeiros das Somozas (un caso en cada unha).

Tamén deron dous traballadores positivo na residencia de Salvaterra do Miño e tres empregados da Ballesol de Oleiros. Pola contra, déronse de alta a tres traballadores da residencia Val de Monterrei e a un da da Fundación José Otero de Santiago.

Así, as residencias con máis traballadores infectados son a de Os Gozos do Pereiro de Aguiar, con 41; a Ballesol de Oleiros, con 14, a DomusVi Lugo de Outeiro de Rei, con 11; a residencia de Viana do Bolo, con seis; Nosa Señora do Viso, tamén con seis, e Nosa Señora dos Milagres de Barbadás, con seis positivos.

Centros de discapacidade

Pola súa banda, os centros de atención a persoas con discapacidade na Comunidade galega rexistraron na última xornada oito novos positivos en usuarios da DomusVi Bóveda, así como nove traballadores contaxiados en este mesmo centro. A Ricardo Baró de Oleiros tamén ten un novo positivo.

Así, hai 17 usuarios afectados, un na residencia Ricardo Baró de Aspronaga, en Oleiros e 16 na DomusVi Bóveda. Os traballadores, pola súa banda, son 18, 14 na DomusVi Bóveda e un en cada unha das seguintes: Ricardo Baró, residencia de Aspanaes nas Pontes, residencia Juan Vidán Torres de Santiago e residencia San Vicente Paúl de Lugo.