O número de contaxios por Covid-19 volve baixar pero segue por encima dos 200

Un galego é sometido a un test da Covid-19. (Foto: David Cabezón / Xunta da Galiza)
O último dato facilitado pola Consellaría de Sanidade fala de 236 novas doentes que padecen ou padeceron este virus. Continúan a baixar as e os afectados nas áreas sanitarias da Coruña e Cee e Lugo, mentres se disparan na zona de Pontevedra.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellaría de Sanidade vén de informar de que o número de casos activos de coronavirus na Galiza ascende agora a 4.281, o que implica unha pequena baixada desde o anterior balance de afección da pandemia. No entando, os contaxios seguen a estar por encima dos 200 por xornada.

Entre esta sexta feira e onte á noite, cando se xuntan todas as informacións das demarcacións sanitarias, había 236 novas coa Covid-19. O positivo é que baixaron en dúas enfermas as atencións nas UCI.

Noutras unidades de hospitalización do país permanecen 221 persoas e o resto teñen seguemento na casa polos seus centros de saúde. A Xunta fala de 15.222 galegas e galegos que superaron o virus desde que se notificou o primeiro caso na terra. A práctica de probas PCR xa está preto das 400.000 (394.634), o que implica que nas últimas 24 horas se realizaron 5.026.

Os últimos falecementos, que xa se notificaran na tarde de onte, correspóndense con dous homes, de 75 e 87 anos, que estaban ingresados no Hospital de Verín.

Por áreas sanitarias, tan só tres rexistran ascensos en cifra de casos activos. A de Pontevedra é a que máis sobe, con 31 novas persoas infectadas que pon o total en 470. Tamén aumentan, aínda que de maneira máis lixeira, na área de Ferrol, até 184 (4 máis), e na de Vigo, até 366 máis).

En canto ao resto, todas anotan descensos nos contaxiados. A Coruña e Cee continúan acumulando a maior cantidade, un total de 1.304 casos activos, pero baixan en 36 con respecto a onte.

Ademais, descenden en Lugo, até 814 (34 menos); en Ourense, até 473 (cunha caída de 13); e en Santiago, até 670 casos activos (nove menos que este sábado).