O número de concellos galegos en alerta máxima pola pandemia aumenta até abeirar os 40

Terraza en Compostela, un dos concellos en Nivel 3 (Foto: Arxina).
En nivel 2 de alarma están 23 municipios.

O número de concellos galegos no nivel máximo de alerta, o 3, pola incidencia de coronavirus na última semana aumentou hoxe até os 39, dous máis que a xornada anterior.

En concreto, súmanse a este nivel vermello o municipio de Pontedeume e os pontevedreses de Ribadumia, Gondomar, Salceda de Caselas e Ponteareas.

Así mesmo, segundo consta no mapa 'semáforo' actualizado diariamente pola Consellería de Sanidade, repiten en nivel 3 pola pandemia 34 localidades: as cidades da Coruña, Ferrol, Santiago, Pontevedra, Vigo, Ourense e Lugo; así como os concellos de Cambre, Muros, Silleda, Soutomaior, Ribadavia, Carballo, Vimianzo, O Porriño, Lalín, O Carballiño, Verín, Narón, Oleiros, Arteixo, Ames, Teo, A Estrada, Vilagarcía, Poio, Cangas, Salvaterra do Miño, Tui, Monforte, Fene, Marín, Redondela e Barbadás.

A entrada no nivel máximo de risco de todas estas localidades implica que detectaron máis de 21 casos de coronavirus no últimos sete días.

Con todo, nas urbes de máis de 50.000 habitantes, o limiar para detectar o aviso vai en función do tamaño: Ferrol -máis de 76 casos nunha semana-, Pontevedra -máis de 96-, Santiago -máis de 112-, Lugo -máis de 112-, Ourense -máis de 120-, A Coruña -máis de 276- e Vigo -máis de 332-.

Mentres, en situación 2 -na cor laranxa do mapa- sitúanse 23 concellos, un máis que onte, aínda que só repiten 13: Ordes, Neda, Malpica, Culleredo, Oroso, Cuntis, Nigrán, Brión, Monterrei, Cerceda, Viana do Bolo, Viveiro e Boiro.

Así mesmo, súmanse a este nivel as localidades de Xinzo de Limia, O Barco e A Laracha, que estaban en nivel vermello, e A Fonsagrada, San Cristovo de Cea, Mos, Baiona, Ares, Valdoviño e Cerdedo-Cotobade, desde o amarelo. Bóveda, Boqueixón, Mesía, Noia e Cambados, que estaban o martes en nivel laranxa, rebaixan a súa alerta, mentres que Gondomar, Ponteareas, Salceda de Caselas e Pontedeume elévana até o vermello.

En cor laranxa inclúense municipios de máis de 50.000 habitantes con entre 138 e 332 casos novos de COVID-19 á semana por 100.000 habitantes e nos de menor poboación que presenten entre 14 e 20 casos.