O número de casos da Covid-19 ligado ao foco de Mallorca aumenta até os 184

Un axente vixía o hotel onde están confinados moitos mozos en Mallorca. (Foto: Isaac Buj / Europa Press)
As últimas probas deron lugar á detección de 27 novos infectados.

A Consellaría de Sanidade confirmou que o número de adolescentes galegas contaxiadas do coronavirus no foco orixinado en Mallorca segue a aumentar. Con respecto ao último dato que fornecera, houbo un incremento de 27 positivos.

Así, o gromo vinculado ao macrobotellón na illa de estudantes en excursións de fin de curso ascende a 184 persoas no país.

As autoridades sanitarias explicaron que do total de casos, a maioría están en concellos da contorna de Pontevedra (139). No entanto, tamén hai localizadas persoas infectadas na Coruña (24) e Lugo (17), sendo Ourense a de menor incidencia.

Para evitar unha maior expansión na Galiza, a Xunta ten identificados 550 contactos estreitos das alumnas e alumnos afectados.

Protestas e illamento

Esta situación de risco levou a que o comité clínico subira o nivel de restricións en varios municipios, de tal forma que o ocio nocturno de localidades como Pontevedra deberá ficar fechado desde a medianoite deste sábado, tan só dous días despois de que se permitise a reapertura.

En consecuencia, o sector xa anunciou unha mobilización de protesta mañá. Consistirá nunha "cacerolada" a partir da medianoite.

Mentres, en Mallorca continúan illados outros dez estudantes galegos que deron positivo ao virus, tal e como confirmou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña.

Novo falecemento

A última hora desta sexta feira tamén se tiña coñecemento de que a pandemia volveuse cobrar unha vítima na Galiza após días sen que se comunicaran pasamentos. Transcendeu a morte dun home de 61 anos que ingresara no Hospital Lucus Augusti e que non tiña patoloxías previas. Así, as vítimas desta crise sanitaria chegan xa a 2.437.