O número de afectados polo coronavirus elévase en máis de 200 casos

Os contaxios seguen a aumentar a pesar das precaucións de gran parte da cidadanía (Foto: Europa Press)
A Consellaría de Sanidade indica que se deron aumentos con respecto a esta segunda feira en todas as áreas sanitarias. O número de doentes está precendo a maior ritmo nas demarcacións de Lugo e Compostela

Galiza xa supera os 3.742 casos activos da Covid-19, após unha xornada na que se rexistraron incrementos de doentes en todas as áreas sanitarias. Malia as medidas de seguridade e as precaucións da poboación, o número global de novos casos detectados foi de 203, porén baixou o ritmo de contaxios con respecto a esta segunda feira (271).

Con 644 falecementos, debido a unha morte nas últimas horas no hospital de Lugo, o total de positivos que continúan contaxiados é de 3.742. O departamento de Sanidade da Xunta explicou que a área sanitaria da Coruña e Cee é a que segue a acumular máis infectados. Un total de 1.403 pacientes pertencen a esa zona, 11 máis que o día anterior.

Pese a estas cifras alarmantes na Coruña, agora hai outras demarcacións sanitarias onde crece máis o número de vítimas. Lugo sumou 29 nas últimas 24 horas, alcanzando as 759 enfermas. En Compostela o aumento foi de 25, quedando así en 607 casos.

Ademais, Ourense ten 343 veciñas e veciños prexudicados pola Covid-19 (tres máis que na segunda feira); Vigo rexistra 253 (16 máis); Pontevedra suma 233 (sete a maiores) e Ferrol contabiliza 144 (11 casos máis que un día antes).

O número de persoas curadas, atendendo aos datos que manexa a Consellaría de Sanidade, é de 100 persoas máis. Así terían superado esta enfermidade 12.771 galegas e galegos desde que comezou a crise sanitaria.

Polo momento, practicáronse 339.206 probas PCR no país, 3652 delas na última xornada.