O número de admitidos en escolas infantís da Xunta para o próximo curso cae en 300 até os 8.200

Escola infantil da Galiza Azul en Fene-Barallobre (Foto: Xunta).

Así, foron aceptados un total de 8.200 nenos e nenas para o curso 2019/20, o que representa 76% das 10.800 solicitudes presentadas.

O número de admitidos e admitidas en escolas infantís da rede A Galiña Azul da Xunta descendeu en 300 respecto ao curso pasado. Así, foron aceptados un total de 8.200 nenos e nenas para o curso 2019/20, o que representa 76% das 10.800 solicitudes presentadas.

Así, segundo informou a Consellería de Política Social, desde hoxe pode consultarse a relación de admitidos e excluídos e mañá para a formalización da matrícula. A lista de espera está composta por 1.700 nenos e nenas, 1.600 menos que no período anterior.

Deste modo, as familias que non fosen admitidas poden acollerse ao Bono Concilia, un programa de axudas directas para gastos en escolas infantís privadas.

Das 8.200 solicitudes aceptadas, 60% corresponden a novos ingresos e 40% restante, renovacións. A Xunta tamén resalta que hai 26 menores con necesidades especiais, 882 de familias numerosas e 345 a familias monoparentais.

'Selo Biblioteca Escolar'

Por outra banda, a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional seleccionou dez centros educativos que recibirán o 'Selo Biblioteca Escolar Solidaria', mentres que outros dez foron escollidos para a iniciativa de voluntariado de 'Lectura-A'.

Segundo detalla o departamento que dirixe en funcións Carmen Pomar, estas accións están enmarcadas no programa Bibliotecas Escolares Solidarias, orientadas a "promover o voluntariado cultural en relación coas bibliotecas e a lectura entre alumnado e familias".

O 'Selo Biblioteca Escolar Solidaria' é un recoñecemento ao traballo das comunidades educativas "a favor dunha biblioteca escolar atenta ás necesidades de todos os seus integrantes en materia de lectura e de acceso ao coñecemento e que propician especificamente valores de xustiza e de solidariedade".