Nuevas Generaciones desminten o seu líder na Galiza e defenden a contrarreforma do aborto

As mocidades do PP aproveitan a súa conta do Twitter para sinalar que as declaracións feitas polo seu secretario xeral, o deputado galego Javier Dorado, corresponden "a un afiliado e non á posición de NNGG" e acrecentan que na organización conservadora "defendemos o dereito á vida como fixemos sempre".


Nuevas Generaciones, a organización xuvenil do Partido Popular, desmarcouse das declaracións feitas polo seu líder na Galiza e secretario xeral a nivel estatal, o deputado conservador Javier Dorado, e pronunciáronse a favor da contrarreforma da lei do aborto anunciada polo ministro de Xustiza, Alberto Ruíz Gallardón.

Segundo explican en tres chíos publicados de maneira consecutiva na rede social Twitter, as mocidades do PP negan ter emitido ningún posicionamento "oficial" até o de agora e atribúen as palabras do seu secretario xeral á postura "dun afiliado". Por derradeiro, enfatizan que neste colectivo "apostamos e defendemos o dereito á vida como fixemos sempre". 

A organización desminte desta maneira as palabras de Javier Dorado, quen o 26 de decembro empregou tamén as redes sociais para emitir un posicionamento en que se desmarcaba da eliminación do suposto de malformación do feto dentro daqueles que darían pé a unha interrupción voluntaria e legal do embarazo: "creo que a muller é a mellor preparada para protexer o non-nacido, non o Estado", escribiu Dorado nas súas contas de Twitter e Facebook.

Que dixo Javier Dorado?

Este posicionamento desenvolveuno o líder de Nuevas Generaciones na Galiza, segundo el propio explica, após moitas peticións da súa opinión a respeito do anteproxecto anunciado por Gallardón, que unicamente deixa fóra do Código Penal o dereito das mulleres a decidiren sobre os seus corpos en caso de seren violadas ou de que ao ficaren grávidas se poña en "grave risco" a súa saúde.

Dixo o deputado conservador que ten "dúbidas", que "a noticia dunha malformación é un drama para moitas parellas" e que o Estado "non debe complicar máis as cousas", lembrando neste punto que o Goberno español "non é quen de garantir o desenvolvemento da lei de dependencia". 

Malia esta discrepancia, Dorado aplaude que as mulleres que non teñan 18 anos cumpridos teñan que solicitar o consentimento d@s proxenitor@s para interromper o seu embarazo, así como a consideración de "vítimas" das mulleres grávidas para as que celebra que non exista "reproche penal" por abortaren. 

"Por min como se os vosos mozos vos abortan a paus"

É a segunda fenda aberta no seu de Nuevas Generaciones a raíz do retroceso no dereito ao aborto marcado por Gallardón no seu anteproxecto de lei.

Así, o 23 de decembro a organización xuvenil informou da apertura dun expediente de expulsión ao afiliado Pedro Gutiérrez após un chío publicado na súa conta do Twitter en que facía apoloxía da violencia machista explicando que "por min como se os vosos mozos vos abortan a paus namentres non saia do meu diñeiro".