Ciencia

Cales son as consecuencias de que se free o núcleo interno da Terra?

Composición interna do planeta Terra. (Ilustración: Alexlmx)
Investigadores chineses afirman que o núcleo do planeta podería comezar a xirar en sentido contrario á rotación da superficie, causando alteracións no campo magnético, as mareas ou a duración dun día.

O núcleo interno da Terra detívose e moi probabelmente comezou xa a xirar no sentido contrario ao da rotación da superficie do planeta. Esta é a principal conclusión que extraen os investigadores chineses Yi Yang e Xiaodong Song, do Instituto de Xeofísica Teórica e Aplicada da Universidade de Beijing, nun traballo publicado na revista Nature Geoscience baixo o título Variación multidecadal da rotación do núcleo interno da Terra.

Para chegar a este punto os físicos analizaron ondas sísmicas producidas por perto de 200 terremotos en dous puntos moi afastados xeograficamente entre si: Alaska, na contorna do polo Norte, e as Illas Sandwich do Sur, no Sur. A medición da velocidade de desprazamento desas ondas é o que permtiriu coñecer o que acontece no interior da Terra.

A ralentización da velocidade de rotación do núcleo, que derivaría finalmente nun cambio total de sentido, sucedeu na década de 1970, sosteñen Yi e Xiaodong, ao tratarse dun patrón cíclico do planeta.

"Os datos suxiren que o núcleo interno podería mesmo estar en proceso de voltar á subrotación. Se é así, é probábel que algo estea a suceder coas forzas magnéticas e gravitatorias que impulsan a rotación do núcleo interno da Terra", apuntan neste estudo.

Ese "algo" que desencadearía a anomalía do núcleo traduciríase nunha leve mais progresiva alteración na duración dos días. Así, hoxe un día sería unha milésima de segundo máis breve que en 1970.

Mais esta non sería a única consecuencia deste suceso, pois o cambio na rotación do núcleo afecta fenómenos xeofísicos máis amplos como variacións no campo gravitatorio interno e deformacións na superficie, cuestión que derivaría posteriormente en mudanzas na temperatura global do planeta e o nivel do mar, así como as mareas.

"Estas observacións proporcionan unha evidencia de que existen interaccións dinámicas entre as distintas capas da Terra, desde o interior máis profundo até a superficie, posibelmente debido ao axuste gravitatorio e ao intercambio de momento angular desde o núcleo e o manto até a superficie", sentencian os investigadores.