Novos proxectos industriais e movementos en defensa do territorio: o caso de Altri, a debate

Fins Eirexas, Serxio Núñez, Xulio Ferreiro, Borxa Colmenero e Jaime Fagúndez, esta quinta feira. (Foto: Nós Diario)
A Facultade de Dereito da Universidade da Coruña acolleu esta quinta feira unha mesa redonda sobre as implicacións do proxecto de Altri 

O salón de Graos da Facultade de Dereito da Universidade da Coruña (UDC) acolleu esta quinta feira unha mesa redonda, centrada no caso de Altri, sobre novos proxectos industriais que xurdiron na Galiza nos últimos anos e sobre os colectivos que se organizaron para defender o territorio.

Baixo o título “Novos proxectos industriais e movementos en defensa do territorio: o caso de Altri”, participaron na mesa redonda desta quinta feira Fins Eirexas, secretario técnico de Adega; Serxio Núñez, portavoz de Santiso Vivo; Borxa Colmenero, avogado do bufete Pérez-Lema; e Jaime Fagúndez, profesor titular de Botánica da UDC e membro da Sociedade Española de Ecoloxía Terrestre.

Na súa intervención, Fins Eirexas afirmou que o proxecto de Altri podería ser enmarcado no “modelo de desenvolvimentismo franquista”, pois non se teñen en conta as súas consecuencias medioambientais. O secretario técnico de Adega avanzou que esta sexta feira anunciaranse as accións legais contra Altri na vía contencioso-administrativa, aínda que non desbotan accións penais no futuro.

Pola súa parte, Serxio Núñez ve en Altri un “problema político”. A retórica da “antipolítica” busca pór eivas á loita colectiva e “se non fose pola loita colectiva, o proxecto Gama xa sería unha realidade”, afirmou sobre unha industria que entra no xogo do cambio do modelo produtivo da Galiza. “Hai unha ofensiva do PP neste sentido, e iso explica o proxecto de lei de acuicultura, a promoción da minaría, dos eólicos etc. Ese modelo busca beneficiar só ás elites económicas e ameaza o traballo de todas as persoas que traballan no sector primario, desde a mariscaría, até a agricultura”, dixo Núñez.

Como recoñece a propia empresa, Altri é unha economía de enclave, é dicir, de extractivismo colonial, o que “quere dicir que os beneficios non se van socializar, pero os danos si se van socializar”. “Queda moito que facer, a nivel social, político e xurídico”, considerou o portavoz de Santiso Vivo, un dos chamados “grupos vivos” que xurdiron en diferentes localidades a raíz da posíbel instalación de Altri na Ulloa.

Na mesma liña manifestouse Borxa Colmenero, que explicou que o extractivismo implica extraer valor dun territorio para convertelo nunha mercadoría, separado da súa dimensión ambiental e social. É dicir, “sepárase o territorio da súa poboación. Isto é o que a dereita española busca para o país”, dixo, sobre un modelo que “vén de lonxe”, con conflitos como a concentración parcelaria, a desecación de lagoas, a construción e encoros etc.

“Que función xoga a Xunta da Galiza nestes procesos? En vez de aparecer como un garante en defensa dos dereitos económicos e sociais das e dos galegos, aparece como un promotor dos proxectos extractivistas”, criticou o avogado.

O profesor de Botánica Jaime Fagúndez puxo voz aos colectivos científicos, que “deben ser parte no diálogo sobre a implantación destes proxectos”. A Asociación Española de Ecología Terrestre, á que pertence, vai publicar un manifesto contra o proxecto de Altri.

Até o de agora, a declaración de impacto ambiental positiva para Altri non permite coñecer adecuadamente a información sobre a que se basea. Fagúndez considera que é necesaria máis participación pública e científica. O cambio de modelo debe ser debatido por toda a sociedade galega, tendo en conta o impacto ecolóxico, a diversidade biolóxica, etc. E debe facerse “con rigor”.