Novos positivos: entre o persoal de urxencias de Montecelo e do cemiterio de Lugo

Profesionais do Sergas en Ourense realizan tests serolóxicos no marco do cribado masivo a todo o persoal sanitario.
A xerencia da área sanitaria de Pontevedra informa dun foco con tres positivos entre o persoal médico de Urxencias e o concello de Lugo doutro que afecta a catro traballadores do cemiterio municipal.

O Hospital Montecelo de Pontevedra detectou nos últimos días un foco de coronavirus que afecta, polo menos, a tres membros do colectivo médico do servizo de Urxencias.

Segundo informan fontes da área sanitaria de Pontevedra-O Salnés, hai tres contaxios confirmados que se produciron "fóra do hospital", subliñan.

Polo momento, sinalan, "non hai plantas en corentena" nin máis persoal afectado, aínda que se realizarán cribados preventivos dentro da unidade para controlar calquera posíbel transmisión.
Unha actuación que coincidiría co cribado masivo a todo o persoal dos centros sanitarios que comezou onte, 2 de outubro, e que se levará a cabo durante os próximos días mediante tests de dobre banda -serolóxicos-. 

A Xunta iniciou un cribado masivo mediante tests de dobre banda a todo o persoal sanitario.

O control pretende dar cobertura aos case 44.000 profesionais da sanidade pública, que se someterán á proba na súa propia unidade ou centro de traballo, e que en caso de daren positivo confirmarán o resultado a través de PCR.

No caso de Montecelo, fontes sindicais apuntan a existencia dun cuarto caso positivo en Urxencias, concretamente o dunha técnico en coidados auxiliares de enfermería detectado a raíz do cribado realizado no persoal.

Cemiterio Municipal de Lugo

Pola súa banda, a área de Participación e Servizos para a Veciñanza do Concello de Lugo vén de reforzar o persoal do Cemiterio Municipal debido ao contaxio dun traballador que obrigou a pór en corentena tres operarios do camposanto, contactos estreitos do infectado.

"Estamos a traballar para poder continuar coa actividade habitual da instalación seguindo o plan de actuación elaborado para responder en caso de contaxio", explicou a concelleira responsábel, Cristina López.

A edil de Participación lembrou que se realizará unha desinfección exhaustiva e amousou o compromiso da área de Participación para "colaborar coas empresas funerarias e evitar que esta situación xere ningún tipo de alteración no funcionamento do Cemiterio".