Os novos plans de pensións de emprego empobrecerán as persoas xubiladas

A pensión media das persoas galegas xubiladas é 15,39% inferior á do conxunto do Estado. (Foto: Europa Press)
A reforma do modelo de pensións entra na súa fase decisiva. O Goberno do Estado avanza no camiño marcado pola Comisión Europea e dá un paso na privatización do sistema. O Congreso debate hoxe a lexislación que aproba a posta en marcha dos plans de pensión de empresa propostos polo ministro Escrivá.

A entrega ao capital privado dos fondos procedentes das pensións é unha constante nas orientacións da Comisión Europea. Precisamente, no marco do plan de rescate asinado polo Estado español con motivo do programa Next Generation, as autoridades comunitarias impuxeron unha profunda reforma do sistema, que continúa as liñas das mudanzas comezadas polo Executivo de Rodríguez Zapatero en 2011.

Neste sentido, o Executivo español reserva para esta segunda fase da lexislatura a ampliación do período de cómputo do cálculo das pensións, un incremento na base de cotización dos autónomos e a aprobación dos plans de pensión de empresa. O Congreso dos Deputados debate hoxe a Lei de regulación para o impulso dos plans de pensións de emprego (LRIPPE), que nun principio conta cos apoios suficientes para saír adiante.

A norma declara no seu preámbulo como obxectivos facilitar o aforro para a vellez, especialmente entre as rendas medias e baixas e xerar recursos para investir e aumentar a capacidade produtiva. Nesa dirección, propón a creación de fondos de pensións de emprego de promoción pública e depósito e xestión privada.

Plans de emprego

O economista Xavier Pérez Davila é moi crítico con esta proposta. Autor do volume A batalla polas pensións, entende que “a aprobación dos plans de pensións de emprego é o primeiro paso para a privatización do sistema de pensións”. Nesta liña, sinala a Nós Diario que “vai provocar un aumento das desigualdades, xerando un sistema dual cun modelo de pensións para as rendas máis altas e outro para as rendas máis baixas, onde as mulleres, mocidade e aqueles territorios, coma a Galiza, coas pensións máis baixas, van ser os grandes prexudicados”. Asemade, destaca que “a análise dos fondos de emprego xa existentes mostra que a lei converterá cotizacións sociais en activos financeiros que nutrirán o poder dos grandes investidores capitalistas”.

A LRIPPE, di, "desviará fondos públicos aos sistemas privados mediante tres mecanismos. Primeiro, as empresas que fagan achegas aos plans de emprego poderán aforrar até 400 euros anuais por traballador en cotizacións á Seguridade Social. Segundo, os importes deduciranse na base impoñíbel do IRPF até un máximo de 10.000 euros beneficiando os salarios máis altos e aumentando a regresividade do imposto. E terceiro, mediante as deducións dos Imposto de Sociedades, proposta de Ciudadanos aceptada polo Goberno estatal”, conclúe Davila, quen se amosa convencido que “as cantidades deducidas das nóminas crearán fondos que serán depositados e xestionados por entidades privadas, bancos, compañías de seguros e fondos de investimento e convertidas en capital financeiro”.

Anos de cómputo

A proposta de reforma do réxime das pensións vai ter continuidade na ampliación do período de cómputo do cálculo das pensións. A este respecto, o ministro de Inclusión, Seguridade Social e Migracións, José Luis Escrivá, ten adiantado a intención do Executivo de aumentar a base de cómputo de 15 a 25 anos.

Este novo incremento, pactado entre o Goberno español e a Comisión Europea, segue o camiño marcado na reforma de 2011, cando a Troika ordenou ao presidente José Luís Rodríguez Zapatero pasar de 8 a 15 anos. O impacto desta medida na perda do poder adquisitivo é moi importante.

Segundo o prestixioso Grupo de Investigación en Pensións e Protección Social -equipo conformado por profesorado da Universitat de València e da Universidad de Extremadura- representa unha caída na paga das persoas xubilados que teñen cotizado polo réxime xeral de 8,6%, polo que un pensionista que cobra 996 euros, computando os últimos 25 anos, pasa a recibir, atendendo ao período de 35 anos, 916 euros. O Grupo de Investigación en Pensións e Protección Social sinala que “o réxime de autónomos sairía máis prexudicado, cunha baixada de 10,3%, fronte a 8,6% de redución no réxime xeral".