Denuncia de ADEGA

Novos parques eólicos nas últimas serras virxes da Costa da Morte

Así ficaría a serra de Mouriños, segundo ADEGA

Pena Forcada, en Laxe, e Mouriños, en Cabana e Zas, son as últimas serras virxes da Costa da Morte, mais por pouco tempo. E é que a Xunta autorizou a instalación de novos parques eólicos, “de alto impacto e canon reducido” nestas paraxes. Así o denuncia a asociación ecoloxista ADEGA.

A asociación ecoloxista ADEGA vén de denunciar que dous parques eólicos estragarán as últimas serras virxes da Costa da Morte: Pena Forcada (Laxe) e Mouriños (Cabana e Zas). Advirte de que a súa alta potencia e gran rendemento apenas deixarán canón e mudarán “unha paisaxe única en polígono industrial”.

 

ENEL-Unión Fenosa Renovables explotará o parque eólico Pena Forcada-Catasol II en Laxe, xusto á beira da lagoa de Traba e en primeira liña de costa, após ser autorizada pola Xunta de Galiza no mes de xuño. Aliás, tramítanse máis megavatios, a favor de Fenosa, a escasos quilómetros do parque anterior, sobre o outeiro que domina o esteiro do Anllóns e as dunas do Monte Branco.

 

“Chama a atención que en ningún momento a Xunta considerara os efectos sinérxicos destas dúas instalacións situadas a tan pouca distancia e o impacto paisaxístico e de barreira combinado nun dos poucos treitos costeiros sen muíños na costa da Morte”, sinala a asociación ecoloxista nun comunicado de imprensa.

 

"A inseguridade xurídica fixo que o sector eólico ficara paralizado, perdéndose milleiros de (supostos) postos de traballo"

 

Para ADEGA, os citados proxectos “constatan o fracaso da planificación eólica de Feijóo, que dos 2.325 MW adxudicados en 2010, hoxe apenas se autorizou un 5%”. Lembra a entidade ecoloxista as sentenzas do TSXG (2012) e o TS (2015) que ratificaron a ilegalidade da anulación dos megavatios adxudicados no concurso do bipartito, e que o Supremo (2016) avalou a manobra de Feijóo. “Mais o dano estaba feito: a inseguridade xurídica fixo que o sector eólico ficara paralizado, perdéndose milleiros de (supostos) postos de traballo. O custo para o erario público desta manobra vai xa polos 1,6 millóns de euros para pagar as indemnizacións ás adxudicatarias, e aínda quedan unha media ducia de contenciosos por resolver”, advirte.
 

A respeito do canon, a asociación ecoloxista pon de manifesto que nestes dous parques de Fenosa na Costa da Morte, “a Xunta apenas vai ingresar cartos”. Polo de Pena Forcada (Laxe), de 7MW, o canon é 0 (cero) ao ter menos de 4 muíños, e polo de Mouriños (Cabana e Zas) de 10MW, apenas 2.300 euros.

Enerxía sustentábel

 

ADEGA alude a diversos estudos que demostran que “a planificación eólica do PP foi moi favorábel para os grandes grupos empresariais e moi lesiva para o interese público e o medio ambiente”. “Os graves impactos ambientais e a ínfima xeración de postos de traballo e de dinámicas económicas positivas no tecido socioeconómico, particularmente no rural, alén dos custos económicos directos de sentenzas e indemnizacións, fan urxente mudar a situación”.

 

“Sería imprescindíbel modificar o canon eólico para que en troques de gravar o número de muíños, gravase a potencia instalada ou mellor aínda, entrase no reparto dos beneficios xerados"

 

Neste contexto, alén de de estabelecer zonas de exclusión libres de muíños por razóns ambientais, paisaxísticas, patrimoniais..., ADEGA aposta na repotenciación. “Ningunha empresa con parques eólicos en funcionamento, quer ENEL-GN Fenosa ou calquera outra, podería abrir novas instalacións sen repotenciar antes as antigas”. Deste xeito, indica, “diminuiría a densidade dos parques e a presión sobre o medio, podendo mesmo aumentar a potencia e a produción”. Paralelamente, engade, “sería imprescindíbel modificar o canon eólico para que en troques de gravar o número de muíños, gravase a potencia instalada ou mellor aínda, entrase no reparto dos beneficios xerados".