Nove novos falecementos en hospitais elevan os mortos polo virus na Galiza a 297

(Europa Press)

A morte de nove persoas nas últimas horas nos hospitais galegos eleva o número de falecidos por COVID-19 na Galiza a 297, entre aquelas rexistradas nestes centros sanitarios e nas residencias de maiores.

O cómputo de falecidos en hospitais sitúase así en 236. Segundo os datos facilitados por Sanidade, trátase dunha muller de 89 anos e un home de 84 que estaban ingresados no Hospital de Valdeorras.

O resto de casos foron un home de 92 anos e unha muller de 62 no CHUVI, e outro home de 82 anos no Complexo Hospitalario de Santiago. Todos eles presentaban patoloxías previas.

Cos últimos datos engadidos, o cómputo por áreas sanitarias (232 en total) ascende a 67 na Coruña, 51 na de Vigo, 44 en Ourense, 30 en Santiago, 16 en Ferrol, 17 en Lugo e 11 falecidos na de Pontevedra.

Residencias

Ademais dos rexistrados en centros sanitarios, ao longo da crise sanitaria producíronse outros 61 falecementos en residencias de maiores

Así, desde que se iniciou a alerta pola pandemia, morreron 16 maiores no centro DomusVi de San Lázaro, 11 no DomusVi de Cangas, outros 11 na residencia A Nosa Señora da Esperanza, 7 na DomusVi do barrio vigués de Barreiro, 6 no Portádego, un no Fogar Bellolar, outro na residencia de Castro Caldelas, un máis en Remanso Claudina-Somoza, un en San Carlos de Celanova, outro na residencia Divino Maestro  e un na residencia de Bande.

Segundo os datos trasladados por Sanidade, do total de 293 falecidas pola pandemia, 108 son mortes vinculadas con centros residenciais. É dicir, se 57 faleceron nas propias residencias, outras 51 persoas usuarias destes centros fixérono en hospitais ou nas chamadas residencias integradas.