Os novos contaxios rexistrados por Covid superan o centenar por primeira vez nesta semana

Unha muller sométese ao test de antíxenos nun cribado masivo na Coruña. (Foto: Europa Press).
Os casos activos e os ingresos hospitalarios manteñen a súa tendencia descendente.

Os novos contaxios de Covid-19 superan por primeira vez esta semana o centenar, após rexistrarse 106, mentres que os casos activos seguen en descenso por duodécimo día seguido e sitúanse en 2.156. Mentres, os pacientes ingresados descenden lixeiramente a 107, catro menos.

Segundo os datos actualizados na mañá dest quinta feira pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18 horas desta cuarta feira, recollidos por Europa Press, descenden a 20 as persoas ingresadas en UCI en Galiza, unha menos e a 87 as que permanecen noutras unidades, tres menos.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria sobe lixeiramente nas da Coruña e Cee; Lugo; Pontevedra e O Salnés e en Santiago e Barbanza; mentres descende nas de Vigo, Ferrol e Ourense e mantense na de Lugo.

En canto aos casos activos de Covid-19 no conxunto de Galiza manteñen a tendencia descendente por duodécima xornada consecutiva e sitúanse en 2.156, 50 menos que a xornada anterior, ao haber máis altas (154) que novos contaxios (106), ao que se engaden dous falecidos.

As infeccións activas descenden en todas as áreas sanitarias, agás en Ourense, que se mantén igual, e en Ferrol (11+) e en Lugo (1+). Nas demais diminúe: a da Coruña e Cee (-4); na de Pontevedra e O Salnés (-1); na de Santiago e Barbanza (-30) e na de Vigo (-27).

Deste xeito, a área de Vigo continúa á cabeza en Galicia con 635 casos activos; seguida de Santiago e Barbanza, con 370; A Coruña e Cee, con 357; Lugo, con 269; Pontevedra e O Salnés, con 247; Ourense, con 164; e á cola segue Ferrol, con 114.

Pola súa banda, os novos contaxios de Covid-19 rachan a tendencia dos últimos días de se situar por baixo do centenar e alcanzan a cifra de 106, após unha xornada da cuarta feira con 82 e iniciar a semana con 76.

Na Galiza foron confirmados 109 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas -31 menos-, segundo os datos actualizados pola Consellería de Sanidade, deles 18 na área da Coruña e Cee; 14 na de Vigo; 12 na de Santiago e Barbanza; 14 na de Lugo; 12 na de Ourense; 21 na de Ferrol; e 18 na de Pontevedra e O Salnés.

Desde o inicio da pandemia as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19  sitúanse en 2.422, ao notificar na xornada da cuarta feira a Consellaría de Sanidade dúas novas vítimas.