Os novos contaxios rexistrados aumentan en 1.483 e os casos activos xa abeiran os 14.000

(Foto: Oscar J. Barroso Europa Press)
A taxa de positividade repunta a un 14% e os pacientes hospitalizados ascenden lixeiramente, até 175.

Galiza experimentou unha nova repunta dos contaxios de Covid-19 con 1.483 máis, que supoñen 391 máis que a xornada anterior, mentres que os casos activos abeiran os 14.000 e a taxa de positividade dispárase a un 14%. Polo seu lado, os pacientes hospitalizados por este coronavirus soben lixeiramente a 175, un máis.

Segundo os datos actualizados na mañá desta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas da cuarta feira, recollidos por Europa Press, seguen 153 persoas ingresadas en unidades convencionais pola Covid-19 e ascenden a 22 as que se atopan en UCI, unha máis. Pola súa banda, 13.788 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias a presión hospitalaria ascende nas da Coruña-Cee e Pontevedra-O Salnés; alíviase nas de Ourense, Vigo e Santiago-Barbanza; e mantense nas de Lugo e Ferrol.

Unha xornada máis, e suman 29 consecutivas, os casos activos aumentan

Unha xornada máis, que suman 29 consecutivas, os casos activos aumentan e sitúanse en 13.963, que constitúen 1.074 máis que o día pasado, ao haber máis contaxios (1.483) que altas (409). Con respecto a hai sete días, as infeccións activas supoñen algo menos do dobre, posto que o pasado 15 de xullo había 7.208 .

Por áreas sanitarias, os casos activos increméntanse en todas de novo, coa de Vigo á cabeza (+256); seguida de Pontevedra e O Salnés (+227); A Coruña e Cee (+157); Santiago e Barbanza (+141); Lugo (+123); Ourense (+104); e Ferrol (+66).

Por áreas sanitarias, os casos activos increméntanse en todas de novo

Os novos contaxios de Covid-19 volvéronse a disparar ao sumar 1.483 no conxunto de Galiza, que supoñen 391 máis que a xornada anterior, e acumulan tres días seguidos por riba do milleiro tras arrincar esta semana con 975.

En toda Galiza foron confirmados 1.451 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) no último día (que poden corresponder a casos activos doutras xornadas aos que se realiza unha nova proba diagnóstica), que supoñen 300 máis que o día anterior, dos cales 342 corresponden á área sanitaria de Vigo; 289, á de Pontevedra e O Salnés; 231, á da Coruña e Cee; 175, á de Santiago e Barbanza; 174, á de Lugo; 165, á de Ourense; e 75, á de Ferrol.

En canto á taxa de positividade das PCR, volve dispararse a un 14%, tras baixar a un 9,3% a xornada pasada e situarse no 10,9% o día anterior despois de principiar esta semana nun 13%. 

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 en Galiza desde o inicio da pandemia continúan en 2.443 ao non notificar Sanidade ningunha vítima de novo esta cuarta feira.