Coronavirus Galiza: Os novos contaxios baixan dos 2.000

Imaxe de arquivo de doutoras tratando a unha persoa por Covid-19. (Foto: Patricio Murphy / ZUMA Wire / Dpa)
Os novos contaxios volven descender após tres días en ascenso e sitúanse este sábado por baixo dos 2.000.

Os indicadores da Covid-19 na Galiza continúan en descenso, con 2.172 casos activos menos (30.651 en total); 15 persoas ingresadas menos (569 en total) e cos novos contaxios por baixo da barreira dos 2.000 (1.971 nas últimas 24 horas). Con todo, a taxa de positividade increméntase lixeiramente até 17,14%.

Segundo os datos actualizados este sábado polo Sergas ─solicitados até as 18,00 horas desta sexta feira─, os novos contaxios volven descender nas últimas 24 horas, igual que o fixeron a xornada anterior, após tres días consecutivos en ascenso. Así, na Galiza hai 1.971 contaxios novos, 396 menos que o día anterior.

Tamén baixa o número de persoas hospitalizadas, 569, 15 menos que na xornada anterior. Do total, 536 están ingresadas en unidades convencionais (16 menos) e 33 permanecen en UCI (unha máis).

Por áreas sanitarias, a carga asistencial baixa en catro delas, non varía noutras dúas e só sobe na de Vigo, que conta con 83 pacientes en planta (sete máis) e seis en críticos (un máis).

Ferrol non notifica cambios e continúa con 35 pacientes en planta e un en UCI, mentres que Ourense mantén a carga aínda que noutra orde, con 81 hospitalizados en unidades convencionais (dúas menos) e oito en críticos (dous máis).

Por outra banda, onde si descende a presión hospitalaria é na área da Coruña, con 122 pacientes en unidades convencionais (nove menos) e con oito en críticos (sen cambios); Pontevedra, con 84 ingresados (seis menos) e tres en UCI (un menos); Santiago, con 83 hospitalizados en planta (dúas menos) e seis en coidados intensivos (sen cambios); e en Lugo, que rexistra 48 pacientes en unidades convencionais (catro menos) e un en UCI (un menos).

Baixan os casos activos

No que respecta ás infeccións activas, tamén mostran unha baixada, concretamente de 2.172, o que deixa 30.651 casos activos en Galicia. E é que, unha vez máis, notifícanse máis altas (4.136) que contaxios (1.971), ao que se suman sete falecementos.

Os casos activos baixan en todas áreas, liderando a relación o distrito sanitario de Vigo, con 553 infeccións menos; seguido da Coruña (-490); Santiago (-389); Lugo (-219); Pontevedra (-193); Ourense (-174) e Ferrol (-96).

Así as cousas, a área da Coruña continúa con máis infeccións activas, con 6.590 casos. A continuación, a de Vigo rexistra 6.432; Santiago, 5.364; Ourense, 3.499; Pontevedra, 3.392; Lugo, 3.423 e Ferrol, 1.609.

Segundo o último informe actualizado polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada a 14 días na Galiza descende de novo até os 1.500,31 casos por 100.000 habitantes ─fronte aos 1.575,06 desta quinta feira─, mentres que a media estatal baixa a 919,48.

Sete falecementos máis

En canto ás persoas falecidas pola Covid-19 desde o inicio da pandemia aumentan até os 3.074 en toda Galiza ao notificar o Sergas este sábado sete óbitos máis, todos con patoloxías previas, e que corresponden aos días 17 e 18 de febreiro.

O 17 de febreiro faleceron unha muller de 86 anos na área sanitaria de Pontevedra, un home de 88 anos na de Lugo, outro de 90 anos na da Coruña, unha muller de 90 anos e un home de 91 na de Santiago e unha muller de 84 anos na de Ferrol.

Xa o día 18, notificouse a morte dun home de 89 anos no distrito sanitario de Compostela.

Polo seu lado, curáronse 451.264 persoas en todo o país desde o comezo da crise sanitaria, 4.136 máis nas últimas 24 horas.