Os novos contaxios de Covid rexistrados na xornada superan os 500

Sistema de control de emisións para reducir o risco de contaxios na barra dun bar da Coruña. (Foto: M. Dylan / Europa Press)
Os casos activos increméntanse a 3.573.

Os novos contaxios de Covid-19 repuntan en Galiza até os 506, que supoñen máis dun cento que a xornada anterior, e os hospitalizados por este coronavirus aumentan a 105 -sete máis-, mentres que os casos activos ascenden a 3.573, que constitúen 405 máis. 

Segundo os datos publicados na mañá desta quinta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta cuarta, Galiza mantén 12 pacientes ingresados en UCI pola Covid, mentres que aumentan a 93 os hospitalizados noutras unidades -sete máis- e 3.468 pacientes permanecen en seguimento no seu domicilio.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta nas de Ourense, Vigo e Pontevedra-O Salnés; alíviase nas da Coruña-Cee, Lugo e Ferrol e mantense sen cambios na de Santiago-Barbanza.

Os casos activos seguen en ascenso por vixésimo quinta xornada consecutiva e sitúanse en 3.573, que supoñen 405 máis que o día anterior ao haber máis contaxios (506), que altas (101), ao que se engade un falecemento. A quinta feira pasada, 18 de novembro, había 1.749 infeccións, polo que agora Galiza rexistra 1.824 máis.

Galiza conta cunha taxa a 14 días de 120,7 casos por 100.000 habitantes, na xornada anterior estaba en 108,11

As infeccións activas ascenden de novo nas sete áreas sanitarias galegas, coa de Vigo á cabeza (+114), seguida da de Ourense (+100), A Coruña e Cee (+52), Ferrol (+40), Santiago e Barbanza (+38), Lugo (+33) e Pontevedra e O Salnés (+28).

Segundo os último datos actualizados na tarde desta cuarta feira polo Ministerio de Sanidad, Galiza conta cunha taxa a 14 días de 120,7 casos por 100.000 habitantes -a terza feira situouse en 108,11-, mentres que a media do Estado ascende a 148,84.

Os novos contaxios rexistrados de Covid-19 repuntan a 506, que supoñen 128 máis que os 378 da xornada anterior, tras os 237 da terza e comezar esta semana con 270. A quinta anterior -18 de novembro- houbo 254.

En canto á taxa de positividad das probas PCR -número de infeccións detectadas cada 100 test-, aumenta ao 7,94%,e segue por riba do limiar do 5% que fixa a Organización Mundial da Saúde (OMS) para dar por controlada a pandemia.

As persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio desta pandemia ascenden a 2.664, ao notificar a Consellaría de Sanidade unha vítima esta cuarta. En concreto, o último óbito correspondeu a un home de 84 anos de idade, cuxa morte tivo lugar no Hospital Povisa en Vigo, que contaba con patoloxías previas.