Os novos contaxios caen a 87 e os casos activos volven descender até 1.344

Test de antíxenos da Covid. (Foto: Jesús Hellín / Europa Press )

Os novos contaxios da Covid-19, ás portas da última fin de semana antes do inicio do verán, volveron situarse por baixo do centenar tras o repunte da xornada anterior e caen a 87 no conxunto da Galiza, mentres que os casos activos descenden a 1.344 despois do lixeiro incremento do día pasado que rompeu a tendencia descendente continua de 25 xornadas. En canto aos pacientes ingresados mantéñense en 61.

Segundo os datos publicados na mañá da sexta feira pola Consellaría de Sanidade con rexistros até as 18 horas desta quinta, continúan 16 pacientes Covid en UCI e 45 noutras unidades de hospitalización.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria descende lixeiramente nas de Vigo e Ourense; aumenta nas da Coruña e Cee e Pontevedra e O Salnés; e mantense sen cambios nas de Santiago e Barbanza, Lugo e Ferrol.

Na de Vigo, aínda que seguen dous pacientes Covid en UCI, descenden a sete os doutras unidades -un menos- e na de Ourense continúa un en críticos e redúcense a dous os doutras unidades -un menos-.

Por contra, na da Coruña e Cee continúan sete en UCI e aumentan a 19 os doutras unidades -un máis-; así como na de Pontevedra e O Salnés, onde segue un en críticos e increméntanse a sete os doutras unidades -un máis-.

Polo seu lado, mantéñense sen cambios as áreas de Santiago e Barbanza, que segue cun paciente en UCI e catro noutras unidades; Lugo, cun en críticos e dous noutras unidades; e en Ferrol, con tres e catro, respectivamente.

Menos casos activos

En canto aos casos activos de Covid-19, após o lixeiro aumento da xornada anterior despois de 25 xornadas consecutivas en descenso, volveron reducirse e sitúanse en 1.344, once menos, ao haber máis altas (97) que contaxios (87), ao que se suma un falecido. Así, mantéñense en niveis de mediados de agosto do ano pasado -o día 15 dese mes había 1.337-.

Por áreas sanitarias, as infeccións activas descenden nas de Vigo (-20); Pontevedra e O Salnés (-10); Lugo (-2) e Santiago e Barbanza (-1); aumentan nas da Coruña e Cee (+21) e Ourense (+1); e mantéñense sen cambios na de Ferrol.

Por tanto, a área da Coruña e Cee continúa á cabeza, con 431 c casos activos; seguida da de Lugo, con 244; Lugo, con 175; Ourense, con 155; Santiago e Barbanza, con 126; Pontevedra e O Salnés, con 117; e Ferrol, con 96.

Descenden os contaxios

Mentres, os novos contaxios de Covid-19 detectados por calquera tipo de proba descenderon por baixo do centenar, a 85 -que supoñen 26 menos-, tras o repunte da xornada pasada a 111, despois de iniciar a última semana antes do verán con 56; ascender lixeiramente a 60 a terza e a 65 esta cuarta

No conxunto da Galiza foron confirmados 85 positivos por Probas Diagnósticas de Infección Activa (PDIA) nas últimas 24 horas, segundo os datos actualizados por Sanidade, 28 menos que a xornada pasada, dos cales 30 corresponden á área da Coruña e Cee; 14, á de Lugo; 12, á de Ferrol; 10, á de Pontevedra e O Salnés; oito, á de Ourense; outro oito, á de Santiago e Barbanza; e tres, á de Vigo.

Sanidade realizou 2.321.732 PCR desde o inicio da pandemia, 3.118 máis que as rexistradas até a xornada anterior e unhas 700 probas máis feitas que o día pasado.

En canto á taxa de positividade, mantense nun dous por cento, após aumentar ao 2,42% a xornada anterior, despois de comezar a semana nun 1,1% e ascender lixeiramente a un 1,4% a terza  e a un 1,5% esta cuarta. Así, segue por baixo do 5% que a Organización Mundial da Saúde (OMS) fixa para dar por controlada esta pandemia. A última vez que a Galiza excedeu esta barreira foi o 15 de febreiro.

Pola súa banda, as persoas falecidas diagnosticadas con Covid-19 desde o inicio da pandemia no conxunto da Galiza ascenden a 2.431.