Os novos contaxios baixan até os 1.200 e os ingresos por Covid na Galiza descenden até os 456

Profesional sanitaria sostén unha dose da vacina contra a Covid-19. (Foto: Europa Press)

Baixan tamén os casos activos, con máis de 1.000 menos nas últimas horas, mais repunta lixeiramente a taxa de positividade, nun 15,59%.

A tendencia descendente dos casos activos de Covid-19 na Galiza mantense, ao situarse en 21.294, que implican 1.101 menos do que o día anterior, mentres que os novos contaxios baixan lixeiramente e sitúanse ao redor dos 1.200. Pola súa banda, os pacientes hospitalizados por coronavirus baixan a 456 (30 menos) e a taxa de positividade repunta a un 15,59% no conxunto do país.

Segundo os datos actualizados hoxe pola Consellaría de Sanidade, con rexistros até as 18,00 horas da sexta feira, mantéñense 25 doentes ingresados en UCI debido á Covid-19 na Galiza (sen mudanzas) e descenden a 431 os hospitalizados en unidades convencionais.

Por áreas sanitarias, a presión hospitalaria aumenta lixeiramente na de Pontevedra, con 71 pacientes en unidades convencionais (un máis) e dous en UCI (un máis); e na de Lugo, que continúa sen ingresados en críticos pero que conta con 47 en planta (catro máis). Pola súa parte, mantense sen cambios na de Ferrol, con 38 hospitalizacións en planta e catro en críticos, e descende nas restantes.

En concreto, na da Coruña e Cee, aínda que se manteñen en sete os pacientes Covid en UCI, descenden a 97 os ingresados noutras unidades (nove menos); e na de Ourense baixan a catro os pacientes en críticos e caen a 58 os hospitalizados noutras unidades (cinco menos).

Na área de Vigo continúan dous pacientes ingresados pola Covid en UCI e descenden a 51 os doutras unidades; mentres que na de Compostela e Barbanza soben a seis o críticos e caen a 69 os doutras unidades.

Casos activos

Os casos activos continúan en descenso e sitúanse nos 21.294, após rexistrar nas últimas 24 horas unha baixada de 1.101 casos, ao haber máis altas (2.377) que contaxios (1.282). A estes datos engádense seis falecementos.

Segundo o último informe actualizado esta sexta feira 25 de febreiro polo Ministerio de Sanidade, a incidencia acumulada a 14 díasna Galiza descende por baixo dos 1.000, até os 999,20 casos por 100.000 habitantes, mentres que a media estatal redúcese a 613,15.