Os novos bonos de tren mudan as condicións de anulación

Estación de tren de Urzaiz, en Vigo. (Foto: Nós Diario)
As viaxeiras de Renfe poderán cancelar viaxes 5 minutos antes de saír.

Esta segunda feira, 1 de maio, entraron en vigor os novos abonos gratuítos de trens Rexionais e de Media Distancia de Renfe correspondentes ao segundo cuadrimestre do ano, que inclúen unha modificación substancial nas condicións de uso: eliminan o límite de dúas horas antes da saída do convoi para anular unha viaxe formalizada.

Os abonos gratuítos anteriores só estaban vixentes até o domingo, 30 de abril, polo que seguir beneficiándose das viaxes gratuítas as usuarias e os usuarios deben adquirir un novo abono para viaxar. 

Para adquirir o abono de Renfe, aínda que é gratuíto, é necesario depositar unha fianza de 20 euros para cada servizo de Media Distancia convencional ou Rexional. O pagamento desta fianza con tarxeta permitirá a devolución automática da mesma, unha vez se constante que se cumpriu a condición de ter realizado 16 desprazamentos durante estes catro meses

Precisamente, a entrada en vigor destes novos abonos modifica as condicións de anulación estabelecidas en decembro de 2022 para evitar o uso "fraudulento" destas bonificacións de transporte. Até o 30 de abril os billetes formalizados podían anularse cun mínimo de dúas horas de antelación; de facelo nun período inferior, incorríase nunha penalización por uso fraudulento. Acumular tres penalizacións deste tipo suporía a anulación do abono, así como a prohibición de expedir un novo abono durante 30 días. 

Non obstante, cos billetes formalizados a través dos novos abonos, a cancelación pode realizarse previamente á saída da viaxe, de acordo cos tempos de antelación estabelecidos por Renfe para cada unha das canles de anulación dispoñíbeis.   

Así, Renfe estabelece os seguintes tempos mínimos, antes da saída do tren de orixe do billete, para efectuar operacións de cambio e anulación. En billeteiras, oficinas de venta, axencias presenciais e axencias virtuais o tempo mínimo será de 5 minutos

Nas máquinas de autoventa o tempo será de 15 minutos; 30 minutos en canles de internet particulares e na aplicación Renfe; e 6 horas se a canle escollida é a venta telefónica. 

Con esta nova medida, Renfe atende unha reclamación das usuarias e dos usuarios que viaxan a diario en tren, especialmente nos casos en que os trens se atrasaban. A limitación de tempo para anular impedíalle a viaxeiras e viaxeiros artellar un plan alternativo de transporte para chegar en hora aos seus postos de traballo ou de estudo

Así e todo, mantéñense vixentes outros condicionantes de viaxe, como son a limitación de catro viaxes formalizadas por día, o impedimento de formalizar dúas viaxes no mesmo sentido até que transcorra o triplo do tempo da viaxe programada e a obrigación de ocupar sempre a praza que asigna o sistema de venta de Renfe.  

250.000 abonos gratuítos

Segundo informaron onte fontes de Renfe, até o momento xa se expediron algo máis de 250.000 novos abonos gratuítos (dos cales, 100.000 de Media Distancia) para o segundo cuadrimestre de 2023. Igualmente, recordou que para os servizos ferroviarios Avant (que na Galiza circulan entre Ourense e Ferrol) mantense tamén o desconto de 50% nos abonos, unha bonificación que se aplica a outros traxectos de alta velocidade.