Novo verán, nova edición do caderno 'Máis'

O caderno 'Máis' recomenda paraxes para gozar do verán e achega reportaxes, relatos, entrevistas e unha completa axenda de eventos e festivais. (Foto: Nós Diario)

O sol de xullo aviva as ganas de lecer, folgar e troular. E para gozar ao máximo do bo tempo, Nós Diario publica Máis, o caderno de verán para sacar o mellor partido a esta época do ano. Coñece as mellores receitas, a axenda dos festivais e as lecturas imprescindíbeis deste verán con Nós Diario

A partir do 1 de xullo e até o 31 de agosto Nós Diario achega o caderno Máis, oito páxinas ao día, de terza feira a sábado, para non perder o máis importante da oferta cultural na Galiza, descubrir os mellores plans para gozar ao máximo deste período estival e saber cales son as lecturas, filmes ou cancións imprescindíbeis deste verán.

As sinaturas dos escritores Carlos Callón e Marica Campo, do gaiteiro Bieito Romero e do Cascarelo acompañarán as lectoras e lectores ao longo da semana nun caderno coordinado pola xornalista Marta García Márquez.

Ríos, natureza e bo apetito

Despois de que o ano pasado o cadeno 'Máis' nos achegase as mellores praias nas que desfrutar deste período estival, este verán é a quenda dos ríos coa sección 'Máis Pozas', no que daremos a coñecer espazos naturais dos principais ríos galegos nos que pasar un bo rato sós ou ben acompañados.

E como non hai gozar sen rillar, Martola achegará cada día unha receita para deleitar o padal con doces e salgados de doada preparación.

Música, cinema e libros

Nas páxinas centrais do caderno atoparanse completas reportaxes sobre os mellores eventos do verán. O primeiro número ofrecerá unha panorámica do Centro de Interpretación do Medio Mariño (CIMM), situado no concello de Cabanas.

No espazo de recomendacións cada día debullarase un libro, filme ou evento que sorprenderá pola súa calidade e contido. Ademais, na sección O verán de... persoas representativas do mundo cultural, artístico e social do país desvelarán os seus máis gardados segredos, recomendando un lugar, praia, parque, restaurante, cantina... que marcaron o seu verán e que lle aconsellan con paixón á lectora e lector para que o visite. 

De terza feira a sábado, Máis, máis verán con Nós Diario