Pertence "á gama máis baixa"

O novo TAC das Urxencias do Clínico de Santiago, baixo sospeita

[Imaxe: Wikipedia] TAC

O Hospital Clínico de Santiago estreou recentemente un TAC que, segundo especialistas, non reúne as condicións necesarias. Segundo afirman, o escáner “pertence á gama máis baixa” e advirten de que a súa compra responde “a intereses comerciais”.

O novo TAC do Chus “non reúne os requirimentos necesarios” para atender as persoas que son tratadas nas urxencias e que contan con patoloxías graves. Así o denuncia CESM-O’MEGA, que advirten de que tras varios meses de utilización “son evidentes as súas carencias en canto á resolución e rapidez”.

Persoas que teñen traballado con este equipamento advirten de que “pertence á gama máis baixa do catálogo”. Fátima Nercellas, médico no servizo das Urxencias, en declaracións a Sermos Galiza, non dubida en apuntar que a compra do TAC “responde a intereses comerciais”.

Carmen Seoane é radióloga nas Urxencias do Chus e afirma, en declaracións a Sermos Galiza, que o TAC “pode servir para un centro comarcal ou para un centro privado que faga poucos estudos pero un servizo de urxencias, onde se require de moita calidade de imaxe, é o lugar menos acaído para un equipamento así”.

Carmen Seoane (radióloga): “Non sei se se debe a un erro, a unha neglixencia ou se é para aforrar”

A médica considera “incomprensíbel” que “despois de gastar tantos cartos, a Consellaría de Sanidade poña un aparato case peor do que xa estaba, que ficou obsoleto”. Á pregunta de a que se debe a compra dunha máquina que non responde ás necesidades, responde que “non sei se se debe a un erro, a unha neglixencia ou se é para aforrar”.

A radióloga expón que para un paciente grave “é fundamental que o diagnóstico sexa o máis rápido posíbel e coa maior resolución”. E o TAC do que dispoñen agora nas Urxencias “é moi lento, non nos resolve”. “Tanto para os radiólogos como para os médicos responsábeis dos doentes, a situación é angustiosa porque ves que non che resolve”, engade. É, ilustra, “como se compras un 600 novo e vas pola autoestrada e ves que non dá de si”.

Privatización

As persoas expertas aseguran que o equipamento ao que fan alusión “forma parte da tecnoloxía que o Sergas incorporou a través do diálogo competitivo, que consiste nun novo modelo de organización da alta tecnoloxía na que é unha empresa privada quen se encarga de xestionar os equipos”.

O CESM-O’MEGA xa se dirixiu á Xunta de Galiza para reclamar a substitución do aparello por un que cumpra os requirimentos que son necesarios nas urxencias.