Un novo surto de coronavirus afecta a área de Medicina Interna do Meixoeiro

Persoal sanitario do 061 durante o traslado de pacientes Covid. (Foto: Carlos Castro / Europa Press)
É o segundo foco de contaxio detectado en menos dunha semana neste centro hospitalario declarado polo Sergas 'libre de Covid'.

Tres días despois de se declarar un foco de coronavirus na unidade de Xeriatría do hospital Meixoeiro de Vigo, o Servizo Galego de Saúde xestiona un segundo surto no mesmo centro e que afectaría 16 persoas.  

Os novos casos entre pacientes correspóndense con enfermos que estaban ingresados noutra á da planta terceira, no servizo de Xeriatría e Rehabilitación. Os pacientes con  Covid foron trasladados ao hospital Álvaro Cunqueiro, onde se centraliza a atención desta patoloxía.

Por esta situación e de modo preventivo, hoxe volveuse a ampliar o número de camas  COVID no Álvaro Cunqueiro (nas últimas horas anunciouse o aumento de 44 camas, ante o incremento nos ingresos por coronavirus). Nesta xornada habilitáronse 16 camas adicionais na vela 1 C, de modo que, en todo o hospital, son xa 174 as camas destinadas a pacientes con esta infección (134 para casos confirmados e 40 para sospeitosos).

Ademais da dotación de camas, a área sanitaria viguesa reprogramou cirurxías non urxentes, para evitar a ocupación das unidades destinadas a coidados críticos por parte deses pacientes intervidos.

O Meixoeiro é, segundo Sanidade, un centro 'libre de Covid' que a pasada fin de semana obrigou ao traslado dos doentes afectados polo coronavirus ás áreas especializas habilitadas no Hospital Álvaro Cunqueiro.

Ademais do foco detectado na área de Xeriatría, que afectou 12 persoas, o Sergas xa informara doutro surto “controlado” entre o persoal sanitario da área de Endocrinoloxía.

Segundo os datos divulgados hoxe pola Consellaría de Sanidade, a área sanitaria de Vigo suma 2.596 casos activos e 111 persoas hospitalizadas, 21 delas en unidades de Coidados Intensivos.