Novo status para Galiza: a necesidade dun novo estatuto a ollos de Palmou, Leiceaga, García Negro e Sánchez

(Foto:Parlamento).
Impulsar un novo Estatuto para Galiza non depende só do futuro Goberno da Xunta, precisa dunha maioría ampla que estea de acordo no Parlamento

Odesenvolvemento dun novo Estatuto para Galiza, o marco legal básico, precisa dun consenso amplo, dunha transversalidade que nos últimos 11 anos, cos sucesivos Gobernos do PP, resultou imposíbel. "Un novo Estatuto debe ser un punto de encontro no que todas as correntes políticas con forza estean cómodas. Ten que contar coas ideas conservadoras, progresistas e tamén coas máis autonomistas. Neste momento non sabemos se estamos nesas condicións, a última reforma que se intentou, entre 2006 e 2007, frustrouse polo PP", explica Xoaquín Fernández Leiceaga.

Para superar a carta legal aprobada en 1981 precísase vontade política. "Vemos que o PP non está polo labor, a Feixoo sóbralle o autogoberno", apunta Antón Sánchez, quen lembra as cero transferencias competenciais do Estado a Galiza co candidato popular á reelección na Xunta. Porén, María Pilar García Negro sinala a "limitación esencial" do Estatuto ao ser outorgado polo Estado e indica a "necesidade fundamental" de mudar a relación estabelecida con España. Pola súa banda, Xesús Palmou ve con bos ollos unha "actualización" da carta legal "como aconteceu en Valencia, Catalunya, Castela e León ou Andalucía.

Xesús Palmou: "O Estatuto poderíase actualizar e pór ao día as competencias"

 Ex conselleiro de Xustiza e do Consello de Contas, deputado polo PP até 2009 

"Hai 40 anos que Galiza ten Estatuto e loxicamente hai aspectos nos que hoxe se podería actualizar, pero debe tratar de facerse co acordo de todos os partidos", afirma Palmou, que foi secretario da comisión parlamentar para a reforma do Estatuto que en 2007 non acadou un acordo unánime. O popular non ve a necesidade de desenvolver unha nova carta legal, mais si unha "actualización" que inclúa "pór as competencias ao día", diferentes "aspectos económicos" e modificacións "nos primeiros artigos", así como "pór ao día a estrutura local" do país. Ademais, considera que o momento post electoral "sería bo" para retomar esta reforma "se hai un consenso necesario". 

Fernández Leiceaga: "Hai que reivindicar o noso papel de nacionalidade histórica"

Senador, ex deputado no Parlamento da Galiza e coordinador do programa do PSdeG

"Nós cremos que sería moi bo impulsar un Estatuto de nova xeración para incluír fenómenos como a entrada na Unión Europea e as relacións existentes e a emerxencia de novos dereitos sociais que sería necesario reflexar. Un texto que puxese ao día as prescricións estatutarias e tivese en conta a aparición de internet e o pulo das comunicacións dixitais", salienta Leiceaga. O socialista opina que se hai "certa posta ao día da arquitectura institucional do Estado en canto á descentralización", Galiza ten que estar aí para "reivindicar o noso papel de nacionalidade histórica". "O autogoberno hai que renovalo cada certo tempo e nós estamos nesa liña", incide. 

Pilar García Negro: "Galiza necesita urxentemente outra relación a respecto do Estado"

 Deputada do BNG no Parlamento galego entre 1989 e 2003 e profesora honoraria da UDC

"Galiza necesita urxentemente outra relación a respecto do Estado español no presente. Dunha forma clamorosa desde o punto de vista do financiamento, pois sen autonomía financeira e control fiscal non hai autonomía. E desde un punto de vista lingüístico, para que o galego poida constituírse na lingua normal da Galiza, e económico, para que nós, as galegas e galegos, dispoñamos dos nosos recursos e da capacidade institucional que nos permita actuar a respecto de España, de Europa e do mundo", analiza García Negro, para engadir: "Isto non colleu no Estatuto vixente desde hai 40 anos e dubido moito que colla nun Estatuto futuro, co antecedente da reforma do catalán".

Antón Sánchez: "Precisamos máis soberanía e máis autogoberno, é dicir, un maior benestar"

Ex deputado de Común da Esquerda e Alternativa Galega de Esquerda no Parlamento

"Creo que Galiza precisa de máis soberanía e máis autogoberno, e isto debería implicar un maior benestar para a sociedade", sinala Sánchez, que ve a idoneidade dun novo Estatuto de Autonomía "sempre que sexa para decidir cousas que agora non podemos". Para o deputado na lexislatura que acaba de rematar esta carta legal debería "garantir uns servizos públicos de calidade" e ser "socialmente avanzado". Neste sentido, apunta que é "fundamental" a "aposta pola soberanía fiscal" e por un "financiamento máis xusto" a respecto do Estado, así como "asumir máis competencias" como o ferrocarril e a capacidade para xestionar a liña de costa, entre outras.