Novo revés para a cidade deportiva do Celta en Mos

Imaxe do complexo deportivo e comercial previsto en Mos.
A Confederación Hidrográfica Miño-Sil emite un informe desfavorábel á modificación puntual do plan urbanístico de Mos que tramita o Concello para dar cabida ao proxecto deportivo e de ocio.

Un novo informe, este da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, pon trabas ao avance da tramitación da modificación puntual do PXOM (o Plan Xeral de Ordenación Urbana) de Mos necesario para dar encaixe ao macroproxecto deportivo e de ocio impulsado polo Celta de Vigo.

O pronunciamento desfavorábel refírese, por un lado, á "dispoñibilidade xurídica da auga" para o desenvolvemento do plan que acubilla a modificación puntual do PXOM presentada, o "destino das augas pluviais que se xerarán polo desenvolvemento da modificación puntual, o cumprimiento das normas de calidade da vertedura e a admisibilidade do medio" e, por último, aos usos permitidos en terreos de dominio público hidraúlico, zonas de servidume e policía, e zonas inundábeis.

A modificación puntual, aprobada inicialmente polo pleno municipal o pasado mes de setembro, acumula xa outros informes contrarios, caso do da Deputación de Pontevedra e da Demarcación de Estradas, e colleita centos de alegacións que reflicten a contestación social ao proxecto, que afecta a montes comunais do municipio.

A comunidade de montes de Tameiga, tras ter coñecemento deste último informe negativo, pon de relevo o "cúmulo de evidencias sobre o desastre ambiental e urbanístico que implicaría levar a cabo o macro centro comercial nos montes de Tameiga". "O informe non pode ser máis contundente, xa que non só informa en contra de todos os aspectos competencia da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil senón que evidencia as graves carencias e deficiencias do proxecto presentado, algo no que coinciden todas as administracións independentemente da cor do seu goberno", sinalan desde a comunidade de montes,  que subliñan a "falta de rigor" da redacción.

A este respecto, denuncian unha "persecución e acoso contra a veciñanza comuneira que levanta a voz", en alusión ás denuncias contra veciñas e veciños opositores ao proxecto por parte da alcaldía, mesmo neste momento da pandemia. 

A maiores, a comunidade de Tameiga alude ás "evidencias", por parte da comunidade científica, que vinculan enfermidades acoutadas a especies concretas que pasan ao ser humano coa perda de biodiversidade. "Se algo temos que aprender desta pandemia é a coidar e preservar os nosos montes", conlúen.