O novo regulamento de estranxeiría deixará 12.000 persoas en situación irregular na Galiza
A entrada en vigor do novo regulamento de estranxeiría, que introduce cambios para os solicitantes de asilo no Estado español, deixará 12.000 persoas en situación irregular na Galiza, segundo advertiu Foro Galego de Inmigración e Rede Galega en Apoio ás Persoas Refuxiadas.
Estas entidades xunto a Acampa, SOS Racismo e a Asociación Mobilidade Humana manifestaron a súa preocupación polo novo regulamento nun encontro esta segunda feira coa subdelegada do Goberno español na Coruña, María Rivas.
Denuncian que o cambio deixa nunha "situación inaceptábel" ás persoas solicitantes de asilo, que cifran en 275.000 en todo o Estado, das cales, 12.000 residen na Galiza, como recolle un comunicado remitido aos medios esta terza.
O novo regulamento, que entrará en vigor o próximo 20 de maio, deixará en situación irregular estas persoas que están pendentes de que se resolva a súa petición de asilo no Estado, advirten, unha situación que, como resalta Foro Galego de Inmigración e Rede Galega de Apoio ás Persoas Refuxiadas, estenderase "como mínimo" por un tempo de seis meses até que poidan acceder aos novos tipos de arraigamento que introduce a normativa.
Tras incidir en que os solicitantes de asilo con peticións pendentes atópanse así pola tardanza da administración en resolver as súas solicitudes, as entidades de apoio ás persoas migrantes e refuxiadas subliñan que "moitas" delas "están neste momento con autorización de traballo e plenamente incorporadas ao mundo laboral".
O problema, engaden, é que a nova normativa refuga o tempo transcorrido polo solicitante no estado españolbaixo o status de demandante de asilo, que deixará de computar para acreditar arraigamento no país.
Economía somerxida
Desta forma, cren que a nova normativa "condena" a dous anos en situación irregular administrativa os solicitantes antes de poder acceder aos arraigamentos, período no que se verán obrigados "a sobrevivir na economía somerxida e a explotación laboral", xa que deixarán de ter permiso de residencia e traballo.
O Foro e Rede Galega engaden que a excepción considerada no texto normativo para as persoas que, cunha resolución negativa, presentasen un recurso só abarca a "unha mínima parte das afectadas".
Todo iso foi trasladado á subdelegada do Goberno que, segundo os colectivos, ofreceu unha resposta "claramente insatisfactoria, sen compromiso algún pola súa parte e limitándose a certificar que esta situación vai ser así de dura e difícil".