Un novo récord de contaxios e casos activos sitúan as hospitalizacións ás portas do máximo alcanzado na segunda vaga

Persoal sanitario atende un paciente con Covid-19 nunha unidade de críticos (Eduardo Sanz / Europa Press).

A evolución da pandemia de coronavirus segue a empeorar na Galiza, un reflexo do agravamento da Covid en todas as áreas sanitarias, coa taxa de positividade disparada moi por riba de 5% que marca a Organización Mundial da Saúde para dar por controlada a situación.

Galiza rexistra unha nova xornada de máximos. Segundo o último balance divulgado pola Consellaría de Sanidade, a progresión é moi negativa con rexistros nunca altes alcanzados no número de contaxios detectados en 24 horas, infeccións activas e porcentaxe de resultados positivos das probas PCR realizadas.

Por cuarto día consecutiva Galiza supera a barreira do millar dos novos positivos. Na última xornada o Servizo Galego de Saúde computou 1.343 casos novos, dos que 1.135 foron diagnosticados mediante PCR, que se mantivo en niveis de días anteriores. En total, realizáronse 10.132 probas, 62 menos que a xornada anterior, das cales 12,9% deron positivo, dous puntos máis que un día antes.

O número de casos activos sitúase nos 11.666 nunha xornada na que as hospitalizacións frean o crecemento sostido durante a última semana ás portas do pico alcanzado no outono con 611 pacientes ingresados durante a segunda vaga de coronavirus.

Hospitalaizacións

Así, nos centros sanitarios galegos recupéranse 597 persoas, das cales 91 reciben coidados específicos en unidades de críticos. Tras unha suba de 120 ingresos entre a pasada segunda feira e esta sexta feira, hoxe o Sergas informa de dúas novas hospitalizacións.

A área da Coruña e Cee e Vigo é a máis afectada pola presión asistencial con 156 doentes, 26 deles en Unidades de Coidados Intensivos. Foi, xunto á de Vigo, con 69 persoas ingresadas, 19 en UCI, a única que rexistrou máis altas que ingresos.

A presión hospitalaria aumenta na área de Santiago e o Barbanza, a segunda con maior ocupación con cinco pacientes máis, 109 en total, 12 deles na UCI.

Ferrol suma tres até alcanzar os 89 pacientes ingresados, nove en unidades de críticos. Ourense, Verín e Valdeorras recibiron 6 novos doentes. Atende 69, nove en UCI. En Pontevedra hai 66, 12 en coidados intensvos, e en Lugo, A Mariña e Monforte, 39, catro en áreas de críticos.

Récord na taxa de positividade

Galiza supera unha xornada máis o limiar de 5% de positividade estabelecido pola OMS para dar a pandemia por controlada. Desde o pasado 24 de decembro non baixa desa cota. O último rexistro diario para o conxunto do territorio sitúase en 12,9% que algunhas áreas sanitarias sobrepasan por moito. É o caso de Ferrol, á cabeza con 21% de resultados positivos.

A sete días, a taxa de positividade dobra a marca da OMS en case todas as áreas. Só Lugo con 7,6% e Santiago con 9,3% baixan de 10% que volve superar Vigo e que avantaxa A Coruña con 14,4%.

Este ascenso trasládese á incidencia acumulada en todos os casos. Dispárase en Ourense a 14 días até situarse en 515 por cada 100.000 habitantes, e mantense moi por riba dos 400 casos en A Coruña e Santiago e Ferrol con 478, 463 e 455 respectivamente.

Falecementos

O número de persoas falecidas con coronavirus sitúase á beira das 1.500 tras a última actualización do Sergas. A última hora da pasada sexta feira comunicou doce novas vítimas mortais, a metade vinculadas a residencias da terceira idade. O total ascende a 1.499 mortos relacionados coa pandemia.