Casos confirmados, contactos estreitos, illamento... Así é o novo protocolo Covid

Só as persoas vulnerábeis se someterán a probas diagnósticas de confirmación. (Foto: Nós Diario)
As novas medidas aplicaranse na Galiza desde esta segunda feira.

A Galiza aplicará desde esta segunda feira, 28 de marzo, a nova estratexia de vixilancia e control fronte á Covid-19 após a "fase aguda" da pandemia, mediante a cal só se realizará o estudo de contactos entre aqueles casos confirmados que estean relacionados con ámbitos ou grupos vulnerábeis.

Así o explicou na quinta feira nun seminario web a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, quen sinalou os pasos que seguirá a Xunta nesta "etapa de transición" en canto á "vixilancia e control" desta enfermidade, acompañada da médica de Medicina Preventiva Olaia Pérez.

A doutora Durán incidiu en que no contexto actual "hai un antes e un despois" co proceso de vacinación en canto ao escenario epidemiolóxico. No marco desta nova vixilancia, apuntou que se centrarán especialmente nos ámbitos vulnerábeis: centros sanitarios asistenciais; centros sociosanitarios —residencias de maiores, centros de día e de discapacidade— e centros con persoas institucionalizadas —centros penais—.

E, en concreto, a Galiza centrará a súa especial vixilancia nesta nova estratexia nas persoas maiores de 60 anos, no grupo de xente con condicións de alto risco —grupo 7 da estratexia de vacinación que inclúe os inmunodeprimidos— e as embarazadas.

Carmen Durán puntualizou que só as persoas deses tres grupos —maiores de 60, embarazadas e inmunodeprimidos— se someterán á proba de confirmación da Covid en caso de ter síntomas.

Aliás, o estudo de contactos de casos de Covid incluirá persoas relacionadas con eses grupos vulnerábeis, como as que residen ou acoden como usuarias frecuentes ou están ingresadas nun ámbito vulnerábel; que traballen na atención directa a persoas nun ámbito de vulnerabilidade e traballadores que prestan apoio e coidados a outras vulnerábeis, como o persoal de axuda no fogar.

Casos sospeitosos

O novo protocolo estabelece como caso sospeitoso a persoa con clínica compatíbel ou con resultado positivo nun test de autodiagnose, para quen se recomenda extremar as precaucións até pasados os 10 días do inicio dos síntomas, ficar no domicilio até que melloren os síntomas, usar máscara e manter a distancia de seguridade, evitar contacto con persoas vulnerábeis ou acudir a ámbitos vulnerábeis, reducir as interaccións sociais, lavar as mans con frecuencia e informar os seus contactos estreitos.

A respecto diso, Durán concretou que a confirmación da enfermidade por Covid-19 mediante proba farase a casos sospeitosos de grupos vulnerábeis e casos sospeitosos relacionados con ámbitos ou grupos vulnerábeis; mentres que non a teñen indicada os traballadores de ámbitos vulnerables que "non teñan contacto directo" con persoas vulnerables.

E si se lles fará proba aos casos sospeitosos que requiran ingreso hospitalario, así como aos que estivesen nos últimos 14 días nunha rexión na que circula unha variante que non presenta circulación no territorio ou a poboación migrante irregular de recente chegada.

Casos confirmados

Pola súa parte, determínase caso confirmado unha persona cunha proba diagnóstica positiva, test de antíxenos ou PCR, con ou sen síntomas compatíbeis. A todas elas recoméndaselles extremar as precaucións até pasados dez días do inicio dos síntomas.

Sobre o illamento dos casos confirmados de Covid, a doutora Durán aclarou que "non se lles vai illar como até o de agora", agás "algunha excepción", como as persoas relacionadas con ámbitos vulnerábeis, como os centros sociosanitarios e hospitalarios.

En canto aos contactos estreitos, Carmen Durán incidiu en que xa non se identificarán a respecto da poboación xeral e serán os propios casos os que "deben informar os seus contactos estreitos" para que extremen as medidas de prevención.

Aliás, remarcou que "segue vixente" o uso de máscara en interiores e as recomendacións fundamentais de ventilación, hixiene de mans e distancia de seguridade.