19º Aniversario do 'Prestige'

Un novo 'Prestige'? 38 barcos con materias perigosas pasan cada día pola costa galega

O petroleiro 'Prestige' afundíndose fronte á costa galega. (Foto: Xurxo Lobato)
Ecoloxistas en Acción asegura, a través dun comunicado, que o desastre do 'Prestige' podería repetirse. Informa de que 40.000 barcos pasan pola Galiza cada ano e un de cada tres con materiais perigosos.

As organizacións ecoloxistas lembran nestas datas, outro ano máis, o maior desastre ecolóxico da historia da Galiza: o afundimento do Prestige e o posterior vertido de milleiros de toneladas de chapapote. Tal día como mañá, un 13 de novembro de 2002, este petroleiro sufría unha importante vía de auga cando navegaba a 28 millas da costa galega e remataba partíndose en dous seis días despois.

Ecoloxistas en Acción asegura, a través dun comunicado, que o desastre do Prestige podería repetirse "en calquera momento" e 18 anos despois "aínda hai efectos da vertedura presentes na Costa da Morte".

Modelo de transporte obsoleto e perigoso

"É necesario que se adopten por parte das autoridades todas as medidas necesarias para evitar que se volvan a producir este tipo de accidentes", indican.

Para esta organización "o actual modelo de transporte marítimo de mercadorías, ademais de perigoso, é daniño para o medio ambiente por ser un dos factores que contribúen a acelerar o cambio climático".

Apuntan que "a maior parte das mercadorías que consumimos chegaron até nós en buques porta contedores que consomen enormes cantidades de petróleo e que requiren para a súa fabricación moitos recursos metálicos da minería". 

Segundo os seu datos, un 70% do transporte marítimo europeo pasa fronte a Galiza, o que significaría uns 40.000 barcos ao ano. Deles "aproximadamente un de cada tres (38 ao día) transporta mercadorías perigosas, ademais do seu combustíbel". Esta é a razón pola que, aseguran, "8 dos 13 maiores accidentes con verteduras de petróleo nas últimas 6 décadas producíronse nas costas galegas". 

Documental sobre o voluntariado

Ecoloxistas en Acción non quere que se esqueza o desastre ambiental do Prestige polo que prepara un documental sobre a catástrofe que presentará o ano que vén no vixésimo aniversario da catástrofe. 

O filme titularase Alegría! en homenaxe a todas as voluntarias que acudiron a limpar as praias. A través desta reportaxe, a organización pretende rememorar a gran mobilización popular ante o que consideran "nefasta xestión política" que propiciou o desastre ecolóxico.