O novo plan de transporte da Xunta comeza con problemas

Estación autobuses Lugo

Tres federacións responsabilizan o goberno galego dunha implantación “precipitada” e “improvisada”. 

Esta terza feira arrancaba o novo plan de transporte por estrada da Xunta e para as tres federacións que representan a gran maioría do sector, foi un inicio con "innumerábeis problemas e inconvenientes", do que responsabilizan o goberno galego por unha implantación “precipitada e improvisada". Esta terza deixan de estar en vigor as anteriores 580 concesións ás que renunciaron as distintas empresas.

 

Anetra, Fegabús e Transgacar, que representan 90% do sector, afirman que as persoas usuarias tiveron que soportar horarios “irracionais” en moitos servizos, así como falla de información sobre as novas rutas. O plan suprime paradas e horarios tradicionais en diferentes zonas.  

 

Afirman que houbo contratos que foron asinados esta mesma segunda feira e denuncian que non hai unha web ou punto de información centralizado onde as persoas horarias poidan enterarse das novidades e consultar novos horaios e liñas. Para as tres federacións, o plan foi elaborado de forma precipitada, á marxe do sector e iso ten consecuencias.

 

Ademais, tamén se denuncia que non se está cumprir coa acordada subrogación de traballadores e traballadoras, o que supón un novo punto de conflito. A CIG acusa UTE) de Autos Morán-Autocares Rodríguez Domínguez de se negar a subrogar 15 traballadores na Mariña no marco do novo plan de transporte. A liña regular por estrada da Mariña-Viveiro-Ribadeo encargábase Arriva Noroeste, pero a citada UTE fíxose coa adxudicación sen asumir a totalidade do persoal subrogábel.