Recomendan á veciñanza de Cualedro que fique na casa polo fume

Os nove incendios activos calcinan máis de 2.200 hectáreas de terreos forestais

Un brigadista traballa nun incendio na Galiza. (Foto: Europa Press)
A Consellaría de Medio Rural tivo que solicitar a colaboración da Unidade Militar de Emerxencias (UME) para traballar nas frontes que están máis próximas ás vivendas. A noite será longa xa que as lapas avanzan sen control e os medios aéreos teñen que retirarse pola falta de visibilidade.

Os incendios declarados entre onte e este domingo na Galiza levan xa calcinadas, a estas horas e segundo as últimas estimacions feitas públicas pola Consellaría de Medio Rural, máis de 2.250 hectáreas de monte. 

Nove dos lumes, os máis grandes, continúan activos e sen control a escasos momentos de que os equipos de extinciónn aérea teñan que retirarse das zonas afectadas pola redución da visibilidade.

Ademais, a proximidade das lapas aos núcleos residenciais de Carzóa, en Cualedro, e Guillamil, en Rairiz de Veiga, obrigou á Xunta a decretar a Situación 2 de emerxencia debido á proximidade das frontes á veciñanza e ás casas.

Os primeiros cálculos estiman a superficie afectada por estes lumes en 60 hectáreas no caso de Rairiz de Veiga e en 250 no de Cualedro.

Apoio da UME

Efectivos da Unidade Militar de Emerxencias (UME) despregáronse en ambos os incendios após a solicitude de Medio Rural pois xa estaban traballando en Lobios, onde outro incendio afecta a parte do Parque Natural Baixa Limia - Serra do Xurés. En concreto, a queima descontrolada comezou na tarde do sábado na parroquia de Río Caldo.

De feito, segundo a información de Medio Rural, este incendio de Lobios e o que afecta desde a madrugada deste domingo a Vilariño de Conso son os lumes de maior envergadura.

En ambos arderon xa 500 hectáreas, unha superficie próxima á que se calcinou en Vilar de Barrio, onde o incendio declarado na mañá do onte no lugar de Rebordechau afecta ao feche desta edición a 450 hectáreas.

Ademais, outro catro incendios forestais permanecen activos en comarcas próximas. Na Gudiña, un lume detectado na tarde do sábado en Pentes calcinou 150 hectáreas; mentres que na parroquia de Queixa, pertencente a Chandrexa de Queixa, a queima alcanzou 120 hectáreas desde que se iniciou ás 16 horas deste domingo.

En Maceda, dous incendios na parroquia de Castro iniciados simultaneamente ás 15.04 de hoxe arrasaron até o de agora unha superficie dunhas 100 hectáreas.

Por último, outro lume forestal segue sen control en Laza. As chamas declaráronse ás 20.30 horas do sábado en Camba, onde arderon 50 hectáreas.

Pola súa banda, Medio Rural deu por controlado o incendio rexistrado en Cequeril, Cuntis, onde as lapas afectaron a unha superficie de 25 hectáreas. Ademais, o lume activo na parroquia de Hospital, en Quiroga, foi extinguido ao fío das 20,00 horas deste domingo.

Alarma entre a poboación de Cualedro

En Cualedro, un dos municipios onde as lapas cercan as vivendas, o alcalde, Luciano Rivero, xunto cos servizos de emerxencia pediu ás veciñas e veciños, que se contan por centos, que non abandonen as súas casas para non respirar o fume que levantou o incendio no núcleo de Montes.

En declaracións a Europa Press, o rexedor mostrou a súa "preocupación" posto que xa houbo "algún alpendre" calcinado e unha granxa tamén corre bastante risco.