O novo hospital de Vigo abrirá con menos camas das prometidas

[Imaxe CIG]

O complexo contará cun total de 1.260 camas fronte ás 2 mil prometidas pola Xunta. O persoal da área sanitaria iniciou un calendario de mobilizacións apoiadas pola Plataforma en Defensa da Sanidade Pública.

 

O novo hospital de Vigo, o Álvaro Cunqueiro, abrirá con 1.260 camas --delas, 845 de hospitalización. Unha cifra substancialmente máis pequena que as 2.000 ás que se comprometera o goberno galego. Esta "importante redución" que, segundo o persoal da área sanitaria de Vigo non se axusta ás necesidades da cidade olívica, motivaron a convocatoria dun calendario de mobilizacións que comezou esta terza feira. 

Unha manifestación contou co apoio de todas as centrais sindicais e da Plataforma galega en defensa da sanidade pública.

Desde este movemento advirten que "o presente e o futuro da calidade da asistencia sanitaria pública fica seriamente comprometido” pois, a redución de recursos que contempla a abertura do hospital --numerosos servizos foron privatizados-- “obríganos a preguntarnos ao servizo de que intereses están as autoridades políticas que tomaron estas decisións”.

Quer o persoal da área sanitaria quer a Plataforma en defensa da sanidade pública instan a veciñanza viguesa a secundar as mobilizacións que terán lugar o 23 e 30 de xuño. As marchas convocadas sairán desde a entrada do Hospital xeral.