Un novo detido en Vigo por agredir a súa parella: "De saber que me denunciaría, pegaríalle máis forte"

Dous delitos de violencia machista denunciados nas últimas horas en Vigo. (Foto: Europa Press)
O home recoñeceu os feitos cando os axentes entraron no domicilio, segundo recolle o atestado policial.

Un home que responde ás iniciais Z.S.R.T., de 26 anos de idade, foi detido en Vigo na madrugada deste pasado domingo tras agredir á súa parella propinándolle unha puñada na cara e unha patada na perna.

Tal e como informou a Policía Local, os feitos ocorreron nun domicilio da rúa Santo Domingo. Á súa chegada ao lugar, os axentes foron recibidos pola vítima, de 25 anos, que manifestou que a súa parella a agredira cando se atopaban ambos na vía pública, e continuaron a discusión na casa.

Ela, que presentaba signos compatíbeis coa agresión que describía, facilitou o acceso ao interior do domicilio, onde estaba o home. Ao ser informado que ía ser detido recoñeceu os feitos e asegurou aos funcionarios que, de saber que ía ser denunciado, pegaría máis forte á súa parella, segundo recollen os axentes no atestado. Tras todo iso, foi detido pola comisión dun delito de violencia de xénero.

A noticia chega logo de que transcendese que a Policía Nacional está a buscar un home como presunto responsábel da agresión que sufriu a súa parella en Vigo, a cal se atopa en "risco extremo" após sufrir cortes nos dedos, o que implica vixilancia policial para protexer á vítima até dar co acusado.

E as mesmas medidas ditáranse o pasado mes cando un home foi detido tras tentar atropelar co coche á súa ex parella na parroquia viguesa de Zamáns, no que tamén se investiga como caso de violencia machista.

Crime de Baiona

Aliás, esta mesma segunda feira entregouse nunha comisaría de Ourense o presunto autor do cruento asasinato dunha muller en Baiona diante dos seus fillos. Foi arredor das 21.30 horas deste domingo cando os veciños do número catro da rúa San Roque, no barrio da Percibilleira (Baiona), deron a voz de alarma polo achado do corpo dunha muller con signos de violencia na zona de acceso á vivenda.