Un novo detido en relación ao asasinato de Samuel Luiz

Unha imaxe do mozo Samuel Luiz. (Foto: Cedida)
Xa son 7 as persoas investigadas en relación a este caso. 

Na mañá desta cuarta feira pasa a disposición xudicial un novo detido pola mortal malleira a Samuel Luiz o pasado 3 de xullo, segundo vén de informar o TSXG. Trátase dun varón que foi detido na tarde de onte, terza feira. Segundo alguns medios, este detido faría parte do grupo de amizades na que están outros arrestados por este asasinato.

Con este arresto, no caso hai cinco adultos e dous menores investigados. Hai tres homes en prisión, unha muller en liberdade provisoria e dous menores de idade cuxo caso depende do xulgado de menores e están nun centro de internamento. 

A Policía entregou esta cuarta feira no Xulgado de Instrución número 8 da Coruña documentación complementaria, para a súa incorporación á instrución, derivada do envorcado do contido dos teléfonos móbiles dos detidos polo crime de Samuel Luiz.

Así o informa a Delegación do Goberno , após ratificar a última detención dunha persona por estes feitos.

Sobre as detencións, a Delegación do Goberno afirma que son consecuencia do "avance na actividade da, que lles imputa un suposto delito de asasinato".

A noticia sae á luz horas despois de que se coñecese que Estados Unidos de América (EUA) pediu ao Xulgado de Instrución número 8 da Coruña información para determinar se permite o acceso ás mensaxes en redes sociais como Instagram ou WhatsApp dos detidos polo asasinato de Samuel Luiz. Polo tanto, nun primeiro momento denegou eses datos.

Así o confirmaron esta terza feira fontes do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza (TSXG), despois de que por parte do xulgado se fixese un requirimento para ese efecto. 

Samuel  Luiz morreu tras a malleira que recibiu na madrugada do 3 de xullo á saída dun local de lecer nocturno. A Policía, tras as primeiras detencións, non desbotou que houbese novos arrestos.