Un novo derrubamento nun teito do Gil Casares evidencia o deterioro do hospital compostelán

A sección sindical de CCOO-Sanidade no Complexo Hospitalario de Santiago de Compostela (CHUS) denuncia un derrubamento no teito do Hospital Gil Casares. “Afortunadamente” non houbo danos persoais, indica o sindicato, malia que nese momento había xente traballando na zona sinistrada. O derrubamento produciuse esta cuarta feira, cando caeu parte do teito da planta baixa do hospital. Foi nunha zona de paso do persoal  pola que se accede a un ascensor interno que conduce á unidade de paliativos e de medicina interna.

 

O Hospital Gil Casares está previsto que feche, no marco da ampliación do Hospital Clínico e da construción da nova facultade de Medicina. Porén, o sindicato  esixe investir no mantemento do centro hospitalario mentres estea funcionando “se non queremos que algún día haxa que lamentar unha desgraza”.

 

As deficiencias estruturais únense a outras relacionadas co acondicionamento. Por exemplo, son numerosas as queixas polo mal funcionamento da calefacción da planta de psiquiatría, que obriga os pacientes a andar cubertos con mantas.