Un novo curso escolar en Galiza marcado por máis recortes e privatizacións

CIG-Ensino advirte de que o ensino público galego, “lastrado” nestea anos “polo continuísmo nas políticas educativas do PP na Xunta”, afronta o curso 2017/2018 nun escenario no que estas políticas “mesmo se intensifican”.

O curso escolar 2017-2018 comezará en Galiza para a semana e todo apunta a que vai estar marcado por máis recortes, máis privatizacións e peores condicións para o profesorado. Así o advirte CIG-Ensino, que lembrou que o limiar a este curso veu marcado pola supresión de 100 postos de traballo no corpo de mestres e co peche de 69 aulas; cun aumento do número de aulas concertadas; co mantemento das subvencións aos centros segregadores e con recortes que continúan “e que teñen graves consecuencias para profesorado e alumnado”.

O secretario nacional da CIG-Ensino, Suso Bermello sinalou que as políticas do PP lesivas para co sistema de ensino público e aplicadas estes anos “mesmo se intensifican” agora, co impacto que iso ten sobre a comunidade escolar e o propio ensino. Bermello denunciou a continuidade da LOMCE malia estarmos diante dun “goberno español en minoría” que aínda así “pode manter case inalterábel” a súa estrutura e lamentou a “incapacidade da oposición” para derrogala. Lembrou que esta lei trouxo perda de democracia interna nos claustros e consellos escolares, a presenza da relixión como materia curricular, a blindaxe dos concertos educativos, o carácter recentralizador e o control currilar, entre outros

 

“Escurantismo”

 

O secretario nacional da CIG-Ensino foi especialmente crítico co que cualificou como “mantra do plurilingüismo”, agora estendido a infantil e bacharelato. Unha medida que considerou “ausente de rigor pedagóxico” que “afonda na discriminación do galego” que queda “proscrito” como idioma para materias como Matemáticas, Física e Química e Tecnoloxía e que ten como consecuencia unha “desconexión cada vez maior do noso idioma en todas as etapas educativas”.

CIG tamén denuncia o “autoritarismo” da Consellería de Educación, incidindo na ausencia de diálogo e consenso coa comunidade educativa, apostando en aplicar “medidas sen debater nin consensuar”, práctica que tivo un novo exemplo este verán no  peche de unitarias e a perda de postos de traballo.

 

Recuperar dereitos

 

O profesorado galego ten uns ingresos de máis de 4.000 euros menos que no resto das comunidades do estado, froito dos recortes aplicados pola Xunta. Uns recortes que non se limitaron ao eido salarial, senón que tamén deixa pegada noutros eidos: “No corpo de mestres crece o número dos que perderon o seu destino definitivo e volveron á provisionalidade e que medrou en 15% o total de postos suprimidos provocando que nalgúns casos nin sequera se cheguen a cubrir os mínimos legais fixados nos cadros de persoal”.

 

18% dos que teñen destino provisional (444 de 2458) é itinerante e que máis da cuarta parte destas itinerancias (116) son orientadoras; 308 impartirán afíns e que 46% do profesorado con destino provisional é interino: 1.130 en total.