O novo currículo da ESO recorta unha hora á lingua galega

Imaxe de arquivo dun centro de ensino antes de comezar o curso. (Foto: Alejandro Martínez Vélez / Europa Press)
Educación Dixital será unha nova materia na Educación Secundaria no novo currículo para a ESO que presentou, en anteproxecto, a Xunta da Galiza.

A Consellaría de Cultura, Educación e Universidade vén de presentarlles aos sindicatos o seu anteproxecto de currículo para a Educación Secundaria Obrigatoria (ESO), que complementa o currículo estatal. Para a aprobación definitiva do texto, este deberá pasar agora pola mesa sectorial, que no día de onte estaba aínda sen convocar.

As novidades

Entre as principais novidades que este novo currículo para a Educación Secundaria trae consigo, encóntranse a posibilidade de estudar euskera e catalán (recortando unha hora á lingua galega no primeiro curso da ESO), mentres que a lingua castelá, segundo a Consellaría de Educación, tamén terá unha hora menos.

No tocante á Bioloxía, introdúcese o estudo de virus e destaca tamén a incorporación de temario relativo á importancia da saúde. Educación Dixital será outra das novidades que introduce este novo currículo así como unha énfase maior na Educación Física aos deportes galegos como a billarda ou a chave.

A materia de Relixión

Sobre a Relixión, esta non ten oficialmente unha materia 'espello' mais mentres o alumnado que o decida estea a cursar Relixión, o resto do estudantado deberá "desenvolver proxectos competenciais". No curso de terceiro da ESO impartirase a materia Educación en Valores Cívicos e Éticos, para a que a Xunta seguiu as propostas do Estado. 

Tamén, por vez primeira, a segunda lingua estranxeira terá temario propio e no que respecta a Matemáticas, a Xunta matizou a proposta estatal. Con todo, o Executivo galego pon o acento en que "sexa unha materia continua desde primeiro curso até terceiro, progresando tamén en dificultade".

En declaracións a Nós Diario, Laura Arrojo, da Executiva da CIG-Ensino, sindicato maioritario no sector, censura o recorte dunha hora en lingua galega xa que iso "só vai empeorar a situación da competencia lingüística que ten o estudantado".