Na candidatura a Patrimonio da Humanidade

Novo colectivo esixe protagonismo para os habitantes da Ribeira Sacra

Imaxe da Ribeira Sacra. Foto: cedida.

Ribeira Sacra: Mundial e Nosa é o nome do novo colectivo “asembleario e aberto” co que reclama protagonismo das habitantes da bisbarra agora que opta á distinción de Patrimonio da Humanidade. “Temos como fin organizar e potenciar a sociedade ribeirá para a nova situación cultural e socioeconómica que se dará coa declaración”, sinala a entidade.
 

Con Felipe Castro como portavoz e unha directiva conformada por Lois Diéguez, Mercedes Vázquez, Tomás López e Francisco Nieves, a asociación abriu “un período de contacto con xentes e institucións da Ribeira Sacra coa idea de facer deste colectivo unha representación forte e unida”.

 

Segundo explica no documento Ribeira Sacra, Mundial e Nosa, a candidatura a Patrimonio da Humanidade supón “responsabilidade”. “Pon sobre as nosas conscencias a responsabilidade de sermos nós, mulleres e homes deste territorio, os protagonistas reais das alternativas que se abren nos eidos idiomático, cultural e socioeconómico”, expón, “e deixar patente a nosa singularidade idiomática, cultural e patrimonial”.

 

“O territorio fórmano os montes, os agros e as súas xentes dun modo harmónico e potencian e perfeccionan en función das súas necesidades, desde aquí, para aquí e para mostrar ao mundo”, engade. Pretende argumentar a súa posición a partir de tres aspectos: a singularidade da Ribeira Sacra e da súa cultura, a organización asemblearia do colectivo, e unha serie de “medidas inmediatas concretas”.

 

Entre estas últimas, a asunción do manifesto Por un rural galego vivo, a consideración da lingua galega “como maior riqueza de identidade”, alternativas para os patrimonios materiais e inmateriais, ou unha reflexión sobre a idea do turismo -“o escaparate” do que é a Ribeira Sacra.

 

“Non é só o traballo que poidan facer as institucións responsábeis da presentación da candidatura, até agora bastante illadas da inquedanza e participación popular, senón e sobre todo o que debemos construír a este respecto a sociedade deste territorio, o pobo desde a base”, sintetiza Ribeira Sacra: Mundial e Nosa.