Novo colapso nas urxencias pediátricas de Pontevedra: Até sete horas "á intemperie" para recibir atención sanitaria

Porta de acceso ao Hospital Provincial de Pontevedra. (Foto: Nós Diario)
As urxencias pediátricas do Hospital Provincial de Pontevedra rexistraron a pasada fin de semana un novo episodio da saturación que profesionais do Servizo Galego de Saúde (Sergas) e pacientes da área sanitaria pontevedresa levan anos a denunciar, froito dos recortes executados pola Xunta.

O domingo pola noite vivíronse escenas "esperpénticas" na entrada de acceso ao servizo de Urxencias Materno-Infantís do Hospital Provincial de Pontevedra, onde pais e nais tiveron que esperar até sete horas "á intemperie" para ter un espazo no que as súas crianzas doentes puidesen ser atendidas polo persoal sanitario do complexo hospitalario pontevedrés.

Segundo os testemuños transcendidos nestes días dalgunhas das persoas que viviron esta situación, ás portas do servizo de urxencias pediátricas chegaron a amontoarse "máis dunha ducia de crianzas" cos seus respectivos pais e nais; mesmo algún proxenitor tivo que ir por mantas e roupa de abrigo para paliar os efectos do frío nos máis pequechos e pequechas alí presentes.

Falta de facultativos

Un facultativo da área sanitaria de Pontevedra consultado por Nós Diario -e que preferiu manterse no anonimato para evitar "posíbeis represalias"-, explica que o vivido a pasada fin de semana nas Urxencias Materno-Infantís "non é algo novo, pasa constantemente". "Case todas as semanas colapsa o servizo pediátrico no Hospital Provincial e as urxencias para adultos no Hospital de Montecelo", lamenta.

O sanitario denuncia que, desde hai meses, os dous hospitais da área sanitaria atenden "dúas ou tres veces máis consultas" que antes. "Pasamos de 100 consultas diarias, unhas 30 por quenda, a atender agora unha media de 200 ou 300 consultas, até 80 por quenda", ilustra. Tamén detalla que o maior número de consultas entran na quenda de tarde, a partir do feche dos centros de saúde.

Os recortes na Primaria agravan a situación

O facultativo consultado por Nós Diario ten claro que, máis alá da propia precariedade que sofren os hospitais da área sanitaria de Pontevedra, a política de recortes desenvolta na Atención Primaria pola Xunta da Galiza agravaron a situación de saturación e colapso da sanidade pública do país.

"Se moitos dos centros de saúde dos concellos próximos non teñen pediatra ou non contan cun substituto ou substituta cando o precisan, ou se os PAC non contan con persoal porque teñen que ir atender urxencias aos fogares, non nos podemos estrañar despois de que pase isto", asegura.

Esta mesma semana, a veciñanza de Soutomaior denunciaba "un novo colapso" do centro de saúde do concello, no que non se dan citas "até dentro de dúas semanas" e no que as liñas telefónicas "non se  atenden durante horas" pola saturación de chamadas.

Preguntado polo motivo de que non se coñezan máis destes episodios, o sanitario recoñece a Nós Diario que moitos dos seus compañeiros e compañeiras prefiren non falar cos medios sobre a precariedade no Sergas por medo aos "toques de atención" que impón a Xunta. "Nos últimos meses obsérvannos con lupa e, á mínima que falamos, sanciónannos", sentencia o facultativo.