VÍDEO

Pacientes amoreados nos corredores nun novo colapso das Urxencias do CHUS

Pacientes amoreados nos corredores de Urxencias do Hospital Clínico de Santiago. (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS)
Nos hospitais públicos galegos atendéronse 2.898 urxencias de adultos nas últimas 24 horas, das que 19,4% derivaron en ingresos en planta.

"Onte, día 2 de xaneiro do 2024, as Urxencias do CHUS seguiron colapsadas". A Asociación de Pacientes do CHUS denuncia por enésima vez o "colapso" do principal hospital da capital galega con escenas que para a veciñanza compostelá xa non resultan estrañas: pacientes agardando durante longos períodos de tempo e padiolas amoreadas nos corredores.

A rápida propagación este inverno dos virus causantes da gripe e a Covid-19 levou as Urxencias de todo o país a ficaren próximas ao colapso, especialmente nestas últimas datas, dado o 'pico' máximo de contaxios que a Consellaría de Sanidade estima moi próximo. Segundo o último parte do Sergas, difundido aos medios de comunicación esta mesma mañá, nos hospitais públicos galegos atendéronse 2.898 urxencias de adultos nas últimas 24 horas, das que 19,4% derivaron en ingresos en planta.

En canto aos pacientes pediátricos, atendéronse 624, dos que 3,6% ingresaron en planta. En total, o número de urxencias atendidas, de adultos e de pediatría, foi de 3.522, o que supón un 1% máis que o mesmo día do ano anterior. "Seguen, por tanto, baixando as urxencias pediátricas e aumentan levemente as de adultos respecto ao día 1, no que se atenderan 2.153 urxencias de adultos e 635 de pediatría", precisan desde a Consellaría.

Porén, os pacientes do CHUS advirten que "non se aprecian" as medidas previstas no plan de continxencia. Esta terza feira, apuntan, ao fío das 12.30 horas había "19 pacientes cualificados pola triaxe como graves" que permanecían "colocados nos corredores en cadeiras de rodas e padiolas" agardando ser atendidos. "Nese momento 53 persoas co ingreso asinado en planta ocupaban os espazos de traballo agardando por unha cama", censuran.

Ás 14.30 horas os pacientes co ingreso asinado "seguían sendo 53", ao tempo que "aumentaba o número de pacientes colocados nos corredores a 27". E ás 20.20 horas, "14 pacientes, a maioría en padiolas, seguían colocados nos corredores de acceso e adxacentes". Segundo a información publicada no Pulso do CHUS, o nivel de ocupación das camas neste tempo foi de 57%.

"Os xestores sanitarios, fronte a deteriorización das condicións da atención e a violencia estrutural que comporta colocar sistematicamente aos pacientes graves nos corredores de acceso, pasan da inactividade a unha aparente intervención política que se queda nunha aparición pública forzada polas queixas e as denuncias de pacientes e profesionais", lamenta o colectivo.

O que leva anos acontecendo nas Urxencias do CHUS, afirman, "viola dereitos fundamentais que quebran os principios esenciais da convivencia pacífica baseada no respecto dos elementos esenciais da condición humana", entre os que enumeran a "vulneración do dereito fundamental á intimidade e á dignidade das persoas, o "racionamento dos recursos sanitarios quebrando os principios reitores do noso sistema público de saúde recollidos no artigo 32 da Lei de Saúde da Galiza", a "utilización fraudulenta dos servizos de Urxencias", o "incumprimento dos estándares de calidade elaborados polo Ministerio de Sanidade", a "vulneración do anexo I do RD 486/1997 en materia de seguridade e saúde no traballo, que estabelece que as vías de evacuación deben de estar libres de obstáculos", e o "incumprimento do código deontolóxico da profesión médica colexial, que obriga os médicos directivos a velaren para que se dean os requisitos de calidade, suficiencia asistencial e mantemento dos principios éticos, evitando que se ofrezan servizos sanitarios sen a debida dotación de medios humanos e materiais".