Vídeo

Novo colapso das Urxencias do CHUS, o quinto este ano: até 17 "pacientes graves" agardaban en padiolas e cadeiras de rodas

Os corredores das Urxencias do CHUS, de novo colapsados esta terza feira. (Foto: Asociación de Pacientes do CHUS)

"Fronte aos discursos e relatos oficiais que afirman que a situación de colapso das urxencias é de orixe estacional produto da vaga da gripe, a realidade baseada nos feitos indican que a causa radica na ineficiente xestión das camas dispoñíbeis e na persistencia en converter os servizos de Urxencias nun aparcamento de pacientes", censuran desde a Asociación de Pacientes.

Un novo colapso en Urxencias no Hospital Clínico Universitario de Santiago (CHUS) denunciado pola asociación de usuarias e familiares deste centro sanitario. É o quinto colapso “documentando” desde que principiou o ano, apuntan desde este colectivo.

“Unha vez máis, e moi a noso pesar, os feitos impóñense e esta terza feira, 6 de febreiro, as Urxencias do CHUS estaban novamente colapsadas”, afirman nun comunicado remitido aos medios.

“Ás 14 horas eran 11 os pacientes cualificados como graves aparcados nos corredores de acceso, mentres 37, co ingreso asignado en planta, estaban ocupando os espazos de traballo. Ás 17:30 aumentou a 17 o número de pacientes graves nos corredores en padiolas e cadeiras de rodas e a 5 agardando nunha sala aberta anexa”.

A asociación indica que “fronte aos discursos e relatos oficiais que afirman que a situación de colapso das urxencias é de orixe estacional produto da vaga da gripe, a realidade baseada nos feitos indican que a causa radica na ineficiente xestión das camas dispoñíbeis e na persistencia en converter os servizos de Urxencias nun aparcamento de pacientes a pesar de que con iso estanse vulnerando os principios reitores de uso racional dos recursos do sistema,  de calidade mellora continuada dos servizos, e de atención personalizada".

Mentres, denuncian, a xerencia da área sanitaria e o Sergas se neguen a pór as camas a disposición dos pacientes de Urxencias cando así o estabelecen os facultativos do servizo, “seguiremos sendo vítimas da vulneración do noso dereito fundamental a intimidade e a dignidade, e os profesionais sanitarios, traballando nun contexto diario de presión, veranse incapacitados para poder darnos unha atención de calidade.”

Segundo os datos publicados na páxina web do hospital en “Pulso do CHUS”, este colectivo indica que nas últimas 24 horas foron atendidas 516 persoas, e o nivel de ocupación das camas foi de 61%  (924) sobre un total de 1.511 dispoñíbeis. “Existe un excedente de 587 camas que na práctica permaneceron pechadas mentres non se doten de persoal sanitaria para ser ocupadas”.

Os servizos de urxencias seguen sendo o destino de moitas persoas con doenzas tempodependentes “que non teñen resposta nos tempos requiridos por parte do sistema de Atención Primaria, que segue ofrecendo citas con demoras inaceptables para moitos pacientes crónicos”.