Novo aumento dos casos activos de coronavirus na Galiza

(Arxina)

Tres casos máis.

Os casos activos de coronavirus COVID-19 aumentaron en tres con respecto a este domingo na Galiza e sitúanse en 343, mentres que as persoas curadas incrementáronse noutras tres até as 10.535.

Así consta nos datos actualizados esta segunda feira pola Consellaría de Sanidade, nos que se indica que do total de pacientes positivos catro permanecen en unidades de hospitalización e 339 no domicilio, mentres que as UCI galegas continúan sen casos COVID.

Dos 343 casos positivos, 138 corresponden á área de Vigo --dúas menos que este domingo--; 110 á da Coruña e Cee --un máis--; 34 á de Santiago e Barbanza --catro máis--; 24 á de Ourense --sen cambios--; 17 á de Lugo --igual--; 12 á de Ferrol --igual que hai 24 horas-- e oito á de Pontevedra --sen cambios--.

Sanidade sinala que até a data curáronse na Galiza 10.535 persoas e faleceron 619 pacientes con COVID. A última vítima foi notificada o pasado 10 de xuño, un home de 83 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Do total, 274 estaban vinculadas con residencias.

O número de PCR realizadas na Comunidade galega ascenden a 166.574 fronte ás 165.608 contabilizadas este domingo.

Nas residencias de anciás hai 5 contaxiadas, das que 4 son usuarias e 1 traballadora.