Novena semana de mobilizacións: trinta localidades galegas claman contra o masacre do pobo palestino

Concentración esta segunda feira, 11 de decembro, na praza do Toural de Compostela. (Foto: Nós Diario)
Unha manifestación nacional percorrerá as rúas de Compostela o vindeiro domingo.

Continúa o masacre en Palestina, mais a solidariedade galega co pobo asoballado non cesa, mesmo vai a máis. E é que esta segunda feira milleiros de persoas manifestáronse en 30 localidades da Galiza para denunciar a "impunidade de Israel e o xenocidio en Gaza", convocadas máis unha vez por Mar de Lumes, BDS Galiza, a Asociación Galego Árabe Jenin e Galiza por Palestina, e desta volta baixo o lema "Do río ao mar, Palestina vencerá".  

Transcorridas nove semanas desde o inicio do masacre o pasado 7 de outubro, son xa máis de 18.000 as vítimas mortais provocadas polo Estado sionista de Israel. Son tamén nove as semanas nas que a comunidade internacional apoia, de maneira "vergoñenta", este xenocidio, ben "consagrando o dereito á defensa para o agresor", ben "bloqueando resolucións do Consello de Seguranza das Nacións Unidas", ben limitándose a emitir unicamente declaracións diplomáticas "de preocupación", "mentres os acordos alcanzados co Estado terrorista de Israel permanecen intocados". 

Porén, segundo sinalan as entidades convocantes nun manifesto que se escoitou esta segunda feira en 30 vilas e cidades do país, "aínda" non conseguiron "que quen nos goberna dea un paso á fronte para aplicar desinvestimentos e sancións contra o Estado de Israel". Mais as mobilizacións serven para demostrar que o pobo galego "non compra esa folla de ruta, nin o revulsivo relato mediático".

"Continuamos, xunto con outros pobos do mundo, do lado da Palestina que resiste", afirman, "dicindo, sen medias palabras, que o Estado de Israel é un produto do imperialismo". Nesta liña, as mobilizacións semanais contribúen a "desvendar o verdadeiro rostro imperialista e noxento da Unión Europea, que tanto arma grupos neonazis na Ucraína como trata de criminalizar a poboación civil de Gaza". Así como para "desvendar a hipocrisía do Goberno español, que anunciou repetidamente que recoñecería o Estado palestino, mais que até agora non ten dado un só paso para facelo real". 

Manifestación nacional en Compostela

Convencidas e convencidos de que a mobilización é a vía "máis directa" para conseguir as mudanzas que demandan, "aínda que sexan lentas", as concentracións desta segunda feira avanzaron a convocatoria dunha gran manifestación nacional que percorrerá as rúas de Compostela o vindeiro domingo, 17 de decembro, partindo ás 12 horas da alameda da capital galega. "Facemos hoxe un chamado a estender a convocatoria e a encher as rúas da capital do noso país pola loita da Palestina e a loita dos pobos. Galiza con Palestina!", clamaron esta segunda feira as rúas da Galiza.