Seis adultos e tres crianzas quedan atrapados no ascensor Halo de Vigo por unha avaría

Ascensor HALO de Vigo. (Foto: Pedro Davila / Europa Press)
Sucedeu na tarde desta quinta feira e ningún deles requiriu asistencia sanitaria.

Nove persoas, seis adultos e tres crianzas, quedaron atrapadas no ascensor Halo de Vigo, a uns 25 metros de altura, aínda que ningunha delas requiriu asistencia sanitaria, segundo informaron fontes da central de emerxencias do 112-Galiza.

Os servizos de Emerxencias recibiron a chamada dun particular sobre as 18.15 horas desta quinta feira, na que informaba de que o ascensor panorámico parara a metade do percorrido e que levaban uns 10 minutos atrapadas esas nove persoas.

Segundo o seu relato, estiveran premendo en reiteradas ocasións o botón de emerxencias do ascensor, pero non recibiran ningunha resposta. O 112 informou do ocorrido a Protección Civil, Bombeiros —que non tiveron que intervir— e Policía Local de Vigo.

O elevador panorámico, situado na rúa Serafín Avendaño, púxose en marcha o pasado 16 de febreiro e a estrutura consta de dous ascensores que percorren verticalmente uns 50 metros, ademais dunha estrutura circular que sobrevoa a autoestrada AP-9 e conecta co complexo intermodal Vialia.