Os nove helicópteros da Dirección Xeral de Tráfico están fóra de servizo: este é o motivo

Tráfico intenso nunha vía de alta capacidade. (Foto: Carlos Luján / Europa Press)
UXT e CCOO denunciaron a situación que cualifican de "dislate" e exixiron explicacións ao organismo dependente do Ministerio do Interior.

Os helicópteros da Dirección Xeral de Tráfico (DXT) atópanse fóra de servizo desde esta segunda feira, 1 de setembro, á espera de que se proceda á adxudicación dun novo contrato do servizo de mantemento das aeronaves. Así o confirmou a DXT, que espera que a entrada de novo en funcionamento da Unidade de Medio Aéreos sexa "cuestión de días", unha vez que se resolva a contratación.

UXT e CCOO denunciaron a situación que cualifican de "dislate" e exixiron explicacións ao organismo dependente do Ministerio do Interior. Pola súa parte, a Dirección Xeral de Tráfico asegura que a vixilancia nas estradas está asegurada mediante o resto de medios como patrullas da Garda Civil de Tráfico, radares, campañas de vixilancia e centros de pantallas e espera que "en cuestión de días" os nove helicópteros da DXT volvan voar.

"A vixilancia nas estradas está asegurada porque o resto de recursos están en funcionamento e os helicópteros nunca non están a voar as 24 horas do día", insistiron desde a DXT. Mais UXT tamén denunciou a inoperancia de 38 drons adquiridos pola DXT no ano 2020 "que se atopan parados e inutilizados por instrución do xefe da Unidade de Medios Aéreos". A Dirección Xeral de Tráfico, con todo, asegurou que os drons "se atopan operativos".

Pola súa parte, CCOO acusou o Ministerio do Interior de pretender privatizar "a seguridade na estrada" e criticou que se oferta un contrato de "40 millóns en 4 anos a unha empresa", que suporá deixar en mans privadas todos "os servizos dos que dependen as aeronaves, centralizando todos os seus requirimentos neste único contrato, cunha única empresa, abrindo as portas da seguridade na estrada á especulación de negocio dentro da DXT".

Algo que, segundo asegura CCOO, xa sucede nos Centros de Xestión de Tráfico, "onde actores privados xa contan con contratos de máis de 30 millóns bianuais para realizar tarefas dentro destes Centros de pantallas". Para a central sindical, en Unidade de Medios Aéreos e os Centros de Xestión de Pantallas "son dúas ferramentas que se demostraron sobradamente como piares da prevención da seguridade viaria, e que a partir de 1989 lograron reducir nun 80% o número de persoas falecidas en accidentes de tráfico".

No caso dos centros de xestión, CCOO denunciou a política de privatización que seguiu a Administración estatal en "estas infraestruturas críticas e servizos esenciais". Nos centros de pantallas actuais contrólanse máis de 1.700 cámaras, 2.000 paneis informativos e 2.400 estacións de toma de datos, ademais de varias zonas con carrís reversíbeis, segundo o sindicato.

"Isto permite realizar advertencias e enviar asistencia nos casos de accidentes, ademais doutras situacións que se dan na rede de estradas", sinalou o secretario xeral da FSC-CCOO no Ministerio do Interior, Fernando García Castro. O sindicato lamenta que o fechamento da Unidade de Medios Aéreos deixe sen voar "a unhas patrullas que desde as bases coas que se conta en Madrid, Valencia, Málaga, Sevilla, Zaragoza, A Coruña e Valladolid, cobren a totalidade da seguridade viaria de todo o territorio".

Por iso, CCOO insta o Ministerio do Interior a acometer as "reformas necesarias para explorar vías públicas de avance que blinden os mencionados servizos que conteñen infraestruturas críticas e esenciais".