Unha escolma do papel

Novas razóns para unha Ence fóra da ría

Complexo industrial de Ence en Lourizán. [Imaxes: PontevedraViva]

A abertura do expediente de caducidade de Ence-Elnosa por orde xudicial incorpora novas causas ao longo historial da pasteira

Os concellos de Pontevedra, Poio e Marín, a Xunta de Galiza e a Asociación Salvemos Pontevedra presentaron o 23 de xaneiro as súas alegacións ao expediente de caducidade da factoría de Lourizán. A súa abertura foi ordenada polo Tribunal Supremo após resolver en favor de Salvemos Pontevedra unha demanda que instaba a caducidade da concesión obtida por Ence.

 

Perante esta obriga legal, a Dirección Xeral de Costas abriu un período de 15 días para que as partes atinxidas no conflito coa pasteira puidesen aportar novas causas que razoasen a caducidade da concesión. Esta mudanza, argüen desde o Ministerio de Medio Ambiente, viría motivada polas balsas de decantación da factoría, supostamente en desuso, mais que suscitaron múltiples críticas e denuncias polo seu recheo. Os riscos medioambientais de se producir un verquido foron alertados desde a Asociación para a Defensa da Ría (APDR) ao conteren as balsas materiais altamente tóxicos como o mercurio.

 

Desde o goberno da cidade do Lérez acordaron por unanimidade achegar novas razóns ao historial de incumprimentos cometidos pola pasteira a respeito das condicións estabelecidas pola concesión orixinal obtida nos anos corenta.

 

 

 

 

 

 

 

 

 

No concreto, as achegas non amosan nada novo. “Analizamos a concesión orixinaria”, explica César Mosquera, concelleiro de Medio Ambiente, e en base ao seu estudo recompilaron aqueles aspectos que EnceElnosa está a incumprir ou simplemente non aparecen recollidos no documento inicial que autorizaba a pasteira a se instalar na ría de Pontevedra.

 

Entre estas razóns, explica Mosquera, está a alteración mesma do título concesional coa instalación da depuradora, a planta de coxeración de enerxía eléctrica, o emisario submarino, un edificio para o comedor do persoal, a planta de tratamento de augas residuais e unhas instalacións deportivas.

 

Asemade, apuntan a modificación da propia titularidade da empresa que pasou de ser pública a privada xunto coa contaminación que carrexa para o espazo no que se localiza. Neste senso, a propia Dirección de Costas recoñeceu “posíbeis incumprimentos na redución da toxicidade das augas residuais” como unha das razóns que exixirían a saída da pasteira de Lourizán.

 

O NEGOCIO DA PASTEIRA

 

Así as cousas, César Mosquera aclara que “incoar un expediente [de caducidade] non quere dicir que se resolva, só que se abra” polo que, embora aseguraren desde o goberno local que o proceso é “esperanzador”, o futuro da factoría de celulosa é, tamén, “incerto”.

 

 

 

 

 

 

 

A decisión final, logo de ser solicitada máis unha prórroga por parte da dirección de Ence que podería ampliar a súa estadía en Lourizán durante 70 anos máis -de acordo coa nova Lei de Costas- “depende das máis altísimas instancias políticas”.

 

“Con todo o seu historial pasado e presente [Ence] continúa aí por un motivo”, di Mosquera, os beneficios xerados por unha factoría “que é a xoia da coroa da industria pasteira, é estratéxica” mesmo a nivel europeo por ser das poucas que quedan producindo unha “pasta de calidade sen grandes custes de transformación”. “É un negocio”, afirma.

 

Esta reportaxe apareceu non Sermos nº 131, publicado a 29 de xaneiro de 2015.